GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*“A Executiva Nacional do BNG analisa e respalda as liñas básicas da acción do nacionalismo no goberno de Galiza por considerar que o BNG é o motor do cambio galego

Redacción 10 de novembro de 2006 O Informe de Xestión do Consello Nacional obtén o 69,34 por cento de apoios nas asembleas comarcais. A Executiva Nacional do BNG reuniuse esta tarde na Sede Nacional para avaliar o actual momento político e preparar o Consello Nacional do próximo 18 de Novembro, o último antes da XII Asemblea Nacional (2 e 3 de Decembro, Palacio de Congresos de Santiago de Compostela).

A Executiva Nacional analisou en profundidade as liñas básicas do que está a ser a acción do nacionalismo galego desde o Goberno de Galiza. O órgao executivo do BNG considera que a estas alturas ninguén pode pór en dúbida que o nacionalismo é o motor do cambio galego que se está a verificar no noso país.

Non só é o BNG a forza determinante dos cambios que se están a introducir nas políticas públicas desde o Goberno galego, senón que tamén está a ser a forza determinante dos contidos do debate estatutario actualmente en curso. Sen o concurso do BNG sería imposíbel que o debate estivese a gravitar arredor dos dereitos que a Galiza como nación lle corresponden. Sen o concurso do BNG a todo o máis que podería aspirar Galiza é a un Novo Estatuto de rango inferior ao obtido por Catalunya.

No que atinxe ao proceso asembleario, a Executiva Nacional tomou coñecemento dos resultados das asembleas comarcais habidas para debater o Informe de Xestión do Consello Nacional e o Documento a debate na XII Asemblea Nacional. A Executiva valora como dados moi positivos a alta participación da militancia e o ton construtivo das achegas ao debate.

O Informe de Xestión do Consello Nacional recibiu un 69,34 por cento de votos favorábeis, fronte a un 20,77 por cento de votos negativos e un 9,89 por cento de abstencións. Obtivo o respaldo maioritario de 22 das 24 asembleas comarcais en que está estruturado o BNG.

A respeito das emendas ao Documento, prosperaron un total de 117, que agorán serán avaliadas polo Consello Nacional. É un cifra sensibelmente inferior a anteriores citas asembleares.

Voltar a novas

Ver anteriores