Publicidade
Contacto
|
*“O novo Estatuto é unha oportunidade para facer os cambios no estado que quedaron pendentes na transición”, afirma Jorquera
Redacción 10 de novembro de 2006 O coordenador executivo do BNG defende unha “reconstrución nacional” baseada no desenvolvemento autocentrado, a creación de espazos de libre decisión política e a normalización da lingua e da cultura galegas.
Francisco Jorquera foi convidado a dar unha conferencia dentro do ciclo “Repensar Galiza” organizado pola asociación cultural coruñesa O Facho, na cal o tamén senador nacionalista valorou o proceso actual de reformas no Estado como a “oportunidade para abordar cambios que non se puideron acometer no seu momento polas circunstancias da Transición”. Vinculou ademais a elaboración do novo Estatuto galego con este proceso reformador.
Segundo explicou, “o BNG está a ser o indutor en Galiza do proceso de reforma estatutaria, desempeñando o rol que tivo o Partido Galeguista durante a Segunda República”. “Agora xa ninguén discute a necesidade dun novo Estatuto”, explicou.
Para Jorquera, o Estatuto vixente, aprobado en 1981 sen o acordo do nacionalismo, non é un instrumento axeitado para gobernar a Galiza de hoxe en día. Así o demostra o proceso de “diverxencia” económica e mesmo demográfica respecto do resto do Estado e dos estados centrais da Unión Europea. “Necesitamos novas ferramentas para xestionar os novos tempos”, dixo. Tamén lembrou a “invasión competencial” e o “baleiramento de contido político do autogoberno” que se produciron a raíz da evolución política do Estado nos últimos 25 anos.
Papel do BNG no contexto político galego
A conferencia tamén tratou do papel da propia organización política nacionalista, que consiste en “revertir o proceso de desestruturación nacional” que padeceu Galiza, e que resumiu en tres factores: a perda de poder político, a situación de dependencia económica e a opresión cultural. Segundo o coordenador do BNG, “o noso país necesita un espazo de libre decisión política para progresar -a través dun Estatuto de Nación-, precisa dotarse dun modelo de desenvolvemento económico autocentrado e tamén necesita normalizar a lingua galega e promover a nosa cultura”.
Por último, Jorquera reivindicou “a vixencia do ideario nacionalista no contexto da globalización”, xa que Galiza necesita un poder político propio forte para sobrevivir aos desafíos que provocan os cambios na economía e na política mundial.
Voltar
a novas
Ver
anteriores |
|