GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*As Mocidades da Mesa consideran que “o novo Decreto conseguido pola folga estudantil debe referenciarse na Carta Europea das Linguas”

“O estudantado está de parabéns, xa que a súa presión democrática conseguiu que se inicie o proceso de elaboración dun novo Decreto de galeguización do ensino”

“O novo Decreto debe basearse nos consensos existentes e ir acompañado das medidas necesarias para a súa aplicación”

Redacción 10 de novembro de 2006 A Coordenadora Nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, avalía positivamente o anuncio segundo o cal se iniciou o proceso para a elaboración dun novo Decreto en materia de galeguización do ensino non universitario que viría substituír o 247 de 1995, actualmente vixente. As Mocidades da Mesa consideran especialmente importante que esta modificación teña en conta a Carta Europea das Linguas, tratado internacional de obrigado cumprimento que estabelece o dereito a estudar en galego con normalidade.

Para a sección xuvenil da Mesa, o anuncio segundo o cal estaría a prepararse un novo Decreto é, antes de máis, “un éxito non da Mesa nin das súas Mocidades, senón do conxunto do estudantado que se mobilizou masivamente o pasado 8 de novembro para que o galego teña nas aulas a presenza que merece”. Aliás, a organización xuvenil acrecenta que tal noticia constata que “mobilizarse si ten sentido” ao tempo que se laia de que “todos os avances que tivo a nosa lingua ao longo dos anos foron produto da mobilización e da presión social”.

A Mocidade pola Normalización Lingüística solicitou unha entrevista coa Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, á que acudirán os seus dirixentes Iria Taibo e Francisco Rei. O colectivo xuvenil esperará a coñecer o texto de Decreto proposto para o avaliar polo miúdo, así como “as medidas necesarias para a súa aplicación e que non fique en papel mollado como o Decreto 247/95”. Con todo, sinala que “non terá sentido ningunha norma que non teña por horizonte a plena galeguización do ensino” nin calquera norma legal que non garanta “o dereito do estudantado a recibir o ensino na súa lingua”.

Desde a sección xuvenil da Mesa continúan a lembrar que “do que se trata é de que se cumpra o disposto na Carta Europea das Linguas”, que estabelece o dereito do estudantado non universitario a recibir o ensino normalmente en galego. “Do contrario, continuaremos a exercer o noso dereito á presión democrática para que se cumpran os consensos parlamentarios e os tratados sobre dereitos lingüísticos ratificados polo Estado.”

Voltar a novas

Ver anteriores