|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Arrinca
en Rianxo o VI Seminario Internacional de Tradución e
Poética
Redacción
10 de novembro 2005
O francés Bernard Noël será
o autor presentado e traducido no encontro organizado por AULIGA.
A
Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana
en Galicia (AULIGA) presentou onte pola tarde en Santiago o VI
Seminario Internacional de Tradución e Poética, que
se está a celebrar en Rianxo dende está mañá
e durará até o vindeiro sábado.
Serán
tres días para o intercambio de experiencias literarias
entre escritores en español, galego, portugués e
doutras comunidades lingüísticas. O encontro homenaxea
este ano ó teólogo Manuel Espiña Gamallo, un
dos primeiros tradutores dos Evanxeos ó galego.
O
presidente de AULIGA, Antonio Domínguez Rey, destacou
durante a presentación do Seminario que dende o colectivo
consideran que “Galicia ten que aproveitar a oportunidade
histórica da conxunción de circunstancias
xeopolíticas que se dan agora entre Europa e América”,
xa que “somos a única comunidade que conta cun
bilingüismo que nos pon en contacto directo con América”.
Domínguez Rey insistiu “no reto de futuro que isto
representa para os galegos”, tanto de Galicia coma do
exterior. Con este obxectivo, o presidente de AULIGA salientou a
importancia dos encontros multilaterais para manifestar o
resultado da creación e da investigación, como
ocorre co VI Seminario Internacional de Tradución e
Poética. AULIGA pretende “que Galicia teña eco
porque a intuición e a realidade creadora de aquí
són moi importantes, pero coñécense pouco
fóra”, de aí a necesidade de trascender os
límites territoriais, “porque a galeguidade está
espallada por Europa e América”. A esta intención
únese o feito de que “moitos escritores queren ser
traducidos ó galego porque lles gusta o idioma, a súa
sonoridade”, afirmou Antonio Domínguez. AULIGA aposta
por crear unha rede que lle permita a Galicia erixirse coma
representante do mundo iberoamericano ó outro lado do
Atlántico partindo da lingua.
O autor Bernard Noël,
que será o poeta presentado e traducido nesta VI edición
do Seminario, dixo amosarse sorprendido ó coñecer as
capacidades reais do galego nesta primeira visita a Galicia. “En
Francia crese que é unha lingua moi minoritaria, coma o
bretón e o occitano”, asegurou. O escritor galo fixo
referencia á “guerra das linguas” que ameaza
con eliminar aquelas que non sexan “linguas mediáticas”,
e sinalou que “esa devalorización é unha
lástima dende o punto de vista intelectual e creativo”.
Sobre a literatura no seu país, Bernard Noël –que
é ademais ensaísta, crítico de arte,
dramaturgo e novelista- destacou a gran cantidade de traducións
que se realizan “a pesar da nosa sona de egocentristas”
e que “a poesía está a vivir un momento de
riqueza”. “Hai un cento de poetas interesantes, pero o
problema é que en Francia non se enteran”,
declarou.
Ademáis da tradución do italiano ó
galego do autor Fabio Scotto, no VI Seminario Internacional de
Tradución e Poética presentaranse as obras verquidas
ó francés de Ánxeles Penas e Miguel Anxo
Fernán-Vello. O poeta galego situou a importancia desta
sexta edición do encontro en que o Seminario “foi
creando no tempo un grande patrimonio no que atinxe á
tradución de textos nesa perspectiva internacional que
AULIGA creou tendo o galego e Galicia como centro e interactuando
coas linguas románicas”. Fernán-Vello
salientou a participación de Bernard Noël, “un
dos grandes poetas franceses contemporáneos” e “un
referente indiscutible”.
Na presentación do VI
Seminario Internacional de Tradución e Poética
participou tamén o deputado de Cultura da Deputación
da Coruña, Celestino Poza, quen ofreceu o apoio da
institución a todas as iniciativas semellantes que xurdan
na provincia da Coruña.
O
VI Seminario Internacional de Tradución e Poética
organizado por AULIGA conta co apoio permanente do Excmo. Concello
de Rianxo, a colaboración da Área
de Lingüística do Departamento de Lingua Española
e Lingüística Xeral da Facultade de Filoloxía
da UNED de Madrid, e para esta convocatoria, coa axuda tamén
da Excma. Deputación de A Coruña.
A
asistencia ás xornadas, que se celebrán na Casa da
Cultura de Rianxo, é aberta ó público, e
concederánselle dous créditos de libre configuración
a quen formalice a inscrición.
Intenso
programa
O Seminario arrincou esta mañá
ás 9.30 horas, cunha conferencia da profesora Marina
Sanfilippo baixo o epígrafe De lo escrito a lo oral:
cuentos y narraciones entre dos mundos. Seguiralle Stacey Alba
D. Skar, tradutora chegada dende USA, con Reconstruír el
‘yo’ testimonial en la traducción de ‘El
Infierno’ de Luz Arce. O presidente da Asociación
de Tradutores Galegos, Xosé María Gómez
Clemente, analizará a continuación a Tradución
ó galego: estado da cuestión.
Contra as
12.30 horas, Alberto Álvarez Lugrís, secretario da
revista de tradución ‘Viceversa’, descubrirá
ó Vicente Risco, tradutor. A profesora da UNED Elena
Bárcena pechará o bloque matinal falando sobre
Sistemas y herramientas telemáticas al servicio del
traductor profesional.
Xa pola tarde, ás cinco,
os profesores Andrés Alonso e Francisco Amoraga ofrecerán
unha ponencia arredor dos Signos del verbo: creación,
movimiento y ceniza. Algunas acotaciones judías en torno a
J. Á. Valente y E. Lévinas.
A partir das
18.15 o poeta Brais Ocampo e o músico Jesús López
Pensado impartirán un obradoiro de Ritmo e Poética.
Por último, a investigadora chegada de Cuba Ana María
Álvarez Sintes realizará Un acercamiento a la
intimidad creadora de José Martí.
Descargar
programa completo
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|