|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*O
BNG considera as Deputacións como “entes
intermediarios coa única función de repartir cartos”
e reclama a súa eliminación
Redacción
10 de febreiro
2006
Roberto Mera alerta de que
a nova Lei estatal de Bases do Réxime Local apunta en
dirección contraria á proposta de Méndez
Romeu, ao apostar por reforzar os entes provinciais. O
BNG oponse a manter “entes intermediarios sen competencias
reais ademais de repartir cartos”, ante a recente polémica
sobre a utilidade das deputacións provinciais, segundo
explicaron en rolda de prensa Carlos Aymerich, portavoz no
Parlamento Galego, e Roberto Mera, secretario de Política
Municipal da Executiva.
Roberto
Mera afirmou que as deputacións son un “modelo
artificial, alleo á realidade galega e herdado do
centralismo do século XIX”. Como explicou
posteriormente Carlos Aymerich, as provincias españolas,
copiadas dos departamentos franceses, estaban pensadas segundo as
distancias que se podían recorrer a cabalo nun período
de tempo, polo que hai tempo que quedaron obsoletas.
A
práctica política das deputacións provinciais
gobernadas polo Partido Popular tense caracterizado polo
clientelismo e uso “persoal” dos fondos por parte dos
presidentes, en palabras de Mera. Ademais, tampouco cumpren a súa
teórica función de “racionalizar a vida
municipal galega” mediante a prestación de servizos
complementarios a concellos pequenos.
Novo Estatuto
En
relación co anterior, o BNG aposta no seu proxecto de
Estatuto pola creación de áreas metropolitanas (nas
zonas urbanas) e comarcas (nas zonas rurais) como institucións
intermedias entre os concellos e a Xunta. Estas pasarían a
ter entidade política, competencias propias e funcionamento
democrático, a diferenza das actuais fundacións
comarcais.
O portavoz parlamentario do BNG tamén
explicou que a administración autonómica non está
obrigada a adaptarse á división provincial. De
feito, organismos como o Sergas xa funcionan con “Áreas
sanitarias” como modelo territorial de referencia. En canto
ás circunscricións electorais, Aymerich explicou que
a Constitución estabelece a provincia como tal só
para as eleccións ás Cortes, polo que as eleccións
autonómicas poderían optar por outro tipo de
circunscrición. A supresión paulatina das provincias
a nivel autonómico está recollida na proposta de
Estatuto da fronte nacionalista.
Lei de Bases de Réxime
Local
Polo demais, os dirixentes nacionalistas agardan
que o conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu, non se
limitase a “lanzar un globo sonda” coa súa
crítica ás deputacións e lembraron que o BNG
sempre mantivo a mesma posición. Roberto Mera fixo
referencia á nova Lei de Bases de Réxime Local que
se está elaborando o goberno central e que semella ir “no
camiño contrario”, ao optar polo reforzamento destes
entes provinciais.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|