ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A MESA pídelle “seriedade” á Secretaria Xeral de política lingüística


Redacción 10 de febreiro 2006 A Mesa lamenta que a máxima responsábel da política lingüística autonómica “non teña credibilidade nin a mínima capacidade de decisión”. A Mesa pola Normalización envíalle unha “carta urxente” a Marisol López pedíndolle “que faga o seu traballo” e deixe de dar “un espectáculo penoso”. Presións do sector duro do PSOE fan recuar tamén o compromiso de realizar unha campaña de sensibilización social sobre o topónimo “A Coruña”.

A Secretaria Xeral de Política Lingüística, tras recibir presións internas do sector máis intransixente co galego dentro do PSOE, comunicou publicamente que o seu departamento non vai facer nada para que se cumpra a Lei de Normalización Lingüística no Concello da Coruña. Marisol López recúa no proxecto que lle transmitiu aos dirixentes da organización en defensa do galego segundo o cal ía realizar unha campaña cidadá sensibilizadora sobre o topónimo xenuíno e único oficial.

Séguese, así, o mesmo esquema que coa medida de realizar en galego a proba tipo test das oposicións, que foi retirada debido ás presións contrarias ao noso idioma por parte dun sector do PSOE. A Mesa móstrase “moi preocupada” por este xeito de actuar, que entende a política lingüística como simple propaganda, mais que impide calquera adianto para o galego, por mínimo que este sexa. Así mesmo, A Mesa agarda que non se “dea marcha atrás tamén nos compromisos para o ensino, aínda que sobre eles tamén se posicionou dun xeito firme a Conselleira de Educación”.

Estas actuacións supoñen “unha tomadura de pelo colectiva” para todas as persoas e institucións que actuaron xenerosamente na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego. A Mesa ve tamén que o “acordo de Goberno entre PSOE e BNG, no referido á lingua, non se está a cumprir”.

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, envioulle unha “carta urxente” a Marisol López esta mañá para lle pedir que “faga o seu traballo” e deixe de dar “este espectáculo penoso”. O dirixente da asociación en defensa do galego reiteroulle “a vontade construtiva que ten A Mesa de colaborar coa Secretaría Xeral de Política Lingüística” e que lle “produce unha profundísima tristeza ver que vostede [a Secretaria Xeral] non só non cumpre cos seus cometidos, senón que está preocupada porque se saiba que non vai cumprir coas súas obrigas”. Pídelle tamén que “reflexione profundamente sobre o cargo que ocupa” e que “dea explicacións públicas sobre estes graves pasos atrás”.

Transparencia no convenio coa Confederación de Empresarios

Marisol López deu a entender tamén que, contrariamente ao indicado pola Mesa á saída da súa entrevista con ela, a Secretaría Xeral aínda non tiña decidido asinar un convenio coa asociación da patronal galega. A Mesa, que en ningún momento dixo que tal convenio se asinase xa, lamenta que a Secretaria Xeral de Política Lingüística sexa unha persoa “sen credibilidade” e “sen palabra, que é un dos peores defectos que pode ter un gobernante”. Fronte ás terxiversacións da Secretaria Xeral, cómpre recordar o comunicado de imprensa enviado aos medios de comunicación o pasado 13 de xaneiro e que se pode consultar na páxina web da Xunta (
http://www.xunta.es/noticia?id=1301lingua). Marisol López sostivo daquela: "Estamos á espera de que a Confederación de Empresarios nos presente un proxecto de normalización que vai englobar a todos os seus asociados e que contará coa nosa axuda técnica e económica, cunha partida non inferior aos 750.000 euros". Isto é, tal e como nos transmitiu tamén na reunión da pasada segunda feira, tomouse a decisión de asinar este convenio non só antes de ter unha planificación para o 2006, senón mesmo antes de que a CEG lle presentase á Xunta o seu proxecto de traballo.

A Mesa agarda que este proxecto teña “resultados” e só pide “que haxa a luz e taquígrafos necesarios nun acordo que significa non só unha viraxe na política de axudas desenvolvidas até agora, senón que move un montante económico tan relevante e que pode significar a exclusión das axudas á galeguización para as empresas que non estean dentro da CEG”.


Voltar a novas

Ver anteriores