ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
O BNG denuncia un novo ataque a un dos seus militantes no Val Miñor e pide a interior que esclareza a trama de especuladores que se oculta tras as agresións

Redacción 10 de febreiro 2006 Manuel Pereiro Pérez foi agredido en Vincios (Gondomar) por denunciar un aterramento ilegal e pode perder a audición dun ouvido.

A Executiva Nacional advirte que non vai dar un paso atrás na súa loita contra a ‘marbellización’ de Galiza. O BNG pedirá a intervención do ministerio de Interior a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, ante a vaga de violencia que están a sufrir os nacionalistas nos concellos do Val Miñor.

Onte, día 9, foi agredido un militante do BNG de Gondomar, acción violenta que vén sumarse aos ataques ao patrimonio sufridos por David Giráldez, portavoz nacionalista en Nigrán, e Domingos Solla, vocal na Entidade Local de Morgadáns (Gondomar).

O BNG demanda ao Ministerio do Interior que axilice as investigacións conducentes a esclarecer a eventual trama de especuladores que se oculta tras as agresións.

Manuel Pereiro Pérez, militante do Bloque en Gondomar e concelleiro na anterior lexislatura, foi golpeado tras interesarse por se un aterramento na parroquia de Vincios posuía ou non licenza municipal. Esta agresión xa foi denunciada, incluíndo un parte de lesións que informa da posíbel perda parcial ou total de audición nun dos ouvidos.

Henrique Viéitez, responsábel comarcal de Vigo, acusa aos gobernos do PP nos tres concellos do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) de “deixar de exercer as súas competencias” en materias de urbanismo e medio ambiente, o que ocasiona que a violencia se dirixa aos que denuncian as infraccións ante a pasividade dos alcaldes populares. Segundo explicou Viéitez, o responsábel do aterramento ilegal dispuña do permiso verbal dun concelleiro do PP para realizar esta obra.

Loita contra a “marbellización”

A Executiva Nacional do BNG afirma que a formación nacionalista continuará a súa loita por un urbanismo sustentábel que respecte o medio ambiente. Os nacionalistas galegos “non deixarán que os fagan calar” e continuarán o seu combate contra a “marbellización” da costa galega.


Voltar a novas

Ver anteriores