Publicidade
Contacto
|
*As Xeiras Micolóxicas de Adenco chegan por vez primeira a Salvaterra de Miño
Redacción 09 de novembro de 2006 As actividades inclúen unha degustación gratuita de cogumelos. Por vez primeira dende que o Grupo Ecoloxista ADENCO organiza as Xeiras Micolóxicas do Condado, esta actividade chega á vila de Salvaterra de Miño. Durante os próximos 10, 11 e 12 de Novembro, a capital histórica do Condado acollerá os actos previstos pola organización para atraer o mundo da micoloxía á cidadanía da vila transfronteiriza.
O programa de actividades que se prevé é o seguinte:
-Venres 10 de novembro, no Restaurante O Noso Eido, ás 20:30h, haberá unha charla seguida dun coloquio titulada “Micoloxía práctica”, a cargo de Manolo Domínguez, de Ventos Educación Ambiental. Despois da mesma haberá unha degustación gratuita de cogumelos.
-Sábado 11 de novembro, ás 10:30h, dende a Casa da Cultura de Salvaterra, sairase ao monte para recoller cogumelos. Os mesmos serán clasificados a partir das 19:00h na propia Casa da Cultura, actividade tamén aberta a todos os interesados.
-Domingo 12 de novembro, a partir das 11:00h, na Praza do Concello de Salvaterra, exposición de cogumelos, debidamente identificados. Haberá visitas guiadas á exposición, xogos, obradoiros para os nenos, …
Chamamento ao sentido común
Adenco quere tamén facer un chamamento ao sentido común de todo buscador de cogumelos. Así, a regra básica de todos será que só consumiremos aqueles cogumelos que coñezamos perfectamente. “Deberíamos coñecer á perfección á especie que comemos, pero tamén as especies que se parecen á que imos a comer”, indicou Anxo Saborido, Presidente de Adenco.
O Grupo Ecoloxista recorda que a Amanita phalloides, que pode provocar a morte dun adulto se se consumen cincoenta gramos da súa carne, é unha especie relativamente abondosa nos nosos montes, pero cuns coñecementos básicos de micoloxía non debería resultar un problema distinguila á perfección.
As actividades das Xeiras Micolóxicas son de asistencia totalmente libre e gratuita.
Voltar
a novas
Ver
anteriores |
|