Publicidade
Contacto
|
*Máis de 2.000 escolares participarán no Día do Peón
Redacción 09 de novembro de 2006 Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional ten convocado para o
vindouro 10 de novembro a 2ª edición do Día do Peón (Polo San Martiño, peóns ao camiño). Nesta ocasión son 23 –até o momento- os Centros de Ensino que se aderiron á iniciativa, organizando actividades arredor do xogo do Peón (ou Trompo) con arredor de 2.500 escolares de toda Galiza.
A convocatoria, seguindo as liñas de actuación de Brinquedia -centradas na recuperación, divulgación e promoción do Património Lúdico galego- chega á súa 2ª edición e vai dirixida –nomeadamente- aos os centros de ensino galegos. O que se pretende con ela é traballar dous aspectos da nosa Cultura: por unha parte o lúdico e por outra o oral. Neste senso, a estacionalidade do xogo do Peón (Pión, Trompo, Buxaina....) ven marcada na fraseoloxía galega por dous refráns tais como Polo San Martiño, peóns ao camiño (11 de novembro) e Polo Santo Amaro, peóns ao faiado (15 de xaneiro).
Así, pretendemos que esta xornada volte a ser a que marque o início do xogo do Peón para os nosos cativos. E propoñemos isto por varias razóns. Entre outras:
- Porque o xogo do Peón é un dos xogos máis ricos en contido oral da Cultura galega.
- Porque o Trompo é un xogo compatíbel coas PSP, Gameboy e demais;
- Porque o prezo de adquisición dunha Buxaina é mui pequeno, o que facilita a socialización e diminúe as diferenzas sociais.
- Porque ao ter un vocabulario tan rico, converte-se nun transmisor ideal da nosa Cultura Oral, ao tempo que fomenta a comunicación inter-xeneracional.
Participan da convocatória o CEIP Balaídos (Vigo), o CEIP Concepción Arenal (A
Coruña), o CEIP de Barouta (Ames), o CEIP de Carnota (Carnota), o CEIP de Esteiro
(Ferrol), o CEIP de Sigüeiro (Oroso), o CEIP de Sobrada (Tomiño), o CEIP de Vite I
(Santiago de Compostela), o CEIP do Xurés (Lobios), o CEIP Gonzalo Torrente
Ballester (Sigrás-Cambre), o CEIP Infante Felipe (Salvaterra de Miño), o CEIP
Manuel Fraga Iribarne (Cariño), o CEIP Manuel Masdías (Ferrol), o CEIP Mestre
Pastor Barral (Melide), o CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela), o CEIP Nosa
Señora da Piedade (Vila de Cruces), o CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba), o
CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela), o CEIP Ricardo Tobío (Esteiro-
Muros), o CPI Castro Baxoi (Miño), o CPI José García García (Ourense), o IES
Chapela (Redondela), o IES de Melide (Melide) e o IES O Ribeiro (Ribadavia)
O acto Central terá lugar na Praza Maior de Ourense o mesmo venres 10 ás 12 da
mañá e estará co-organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ourense e
Brinquedia (da que é socio este Concello), contando tambén co apoio do Fogar do
Maior de Ourense. Participarán no mesmo un cento de escolares da cidade e unha
vintena de persoas maiores que serán as encarregadas de lles transmitir –de xeito
simbólico- aos máis cativos unha pequena parte da nosa Cultura, por meio do agasallo
dun Peón.
Voltar
a novas
Ver
anteriores |
|