|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*Sherlock Holmes veranea en “San Xenxo” e Alicia veranea en “La Coruña”
Redacción 09 de agosto de 2006 A Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) en colaboración co Ministerio de Cultura desenvolven o Plan de Fomento de la Lectura nas praias galegas con anuncios publicitarios que utilizan formas deturpadas da nosa toponimia.
A Mesa pola Normalización Lingüística exíxelles a rectificación dos anuncios publicados en distintos xornais galegos.
Baixo o lema “Sherlock Holmes veranea en San Xenxo” o anuncio publicado no Faro de Vigo (2/8/2006 Páx. 7) chamaba aos lectores a un encontro na praia de “La Lanzada”. En La Voz de Galicia (3/8/2006 Páx.11) atopámonos con “Alicia veranea en La Coruña”.
En palabras da Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, María Xosé Jamardo, “resulta cando menos desconcertante que o propio Ministerio de Cultura sexa cómplice do incumprimento da lexislación vixente e utilice nas súas campañas os topónimos deturpados.”
Unha vez máis temos que elevar a nosa protesta tanto á Federación de Gremios de Editores de España como ao Ministerio de Cultura por emprender unha campaña que resulta ser, “máis que unha campaña de animación ao achegamento da cidadanía á lectura unha demostración de ignorancia da denominación orixinal galega trocando os topónimos correctos de A Lanzada, Sanxenxo e A Coruña e contravindo, por tanto, a lexislación vixente nesta materia”.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística consideramos que este é un “Mal Plan de Fomento da Lectura” e un mal exemplo para os lectores galegos, que unha vez máis vemos o incumprimento da lei de toponimia desde as administracións públicas. Neste sentido, María Xosé Jamardo comenta que “desde A Mesa pola Normalización Lingüística instamos aos promotores da campaña a cumprir a lexislación e a interesarse de forma efectiva pola cultura galega”.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|