|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A Mesa critica a “escandalosa permisividade” dos tribunais no relativo ao topónimo A Coruña
Redacción
09 de maio 2006
Carlos Callón, Presidente da Mesa: “Estes tribunais son unha vergoña”.
A Mesa pediulle ao TXSG que se execute dunha vez a sentenza do topónimo emitida en 1994 e que se deduza testemuño de desobediencia contra o alcalde. É a primeira solicitude de execución de sentenza sendo alcalde Javier Losada. A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle á sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que faga cumprir dunha vez a sentenza xudicial de 1994 sobre o nome da cidade, que di: “o Concello de A Coruña terá que utilizar como nome oficial o de A Coruña”.
O sucesor de Francisco Vázquez, a pesar de realizar en moitas ocasións declaracións calculadamente ambiguas sobre o tema, tamén manifestou publicamente, sen posíbeis interpretacións dubidosas, que no referido ao topónimo respectará a denominación “La Coruña” en castelán e “A Coruña” en galego, por estabelecelo así o Pleno do Concello, a pesar de que tal moción foi unha fraude de lei anulada por ser contraria a dereito. Ademais, o Concello non só fica fóra da legalidade no referido ao topónimo, senón que tamén continúa sen utilizar o galego como lingua cooficial, “sen que iso teña a máis mínima consecuencia nin por parte dos tribunais nin por parte da Delegación do Goberno, como foi no caso das Pontes”, recorda Carlos Callón.
No escrito presentado perante o TSXG, A Mesa considera que nas manifestacións de Losada “se fai patente a continuación no desprezo ás Leis, ao Tribunal e ao pobo galego que xa concorrían no anterior alcalde, e dita situación precisa ser superada mediante a obrigada execución da sentenza ditada nos presentes autos e as reiteradas resolucións exixindo a mesma que foron incumpridas até o de agora.”
Ademais, “sendo manifesta a vontade do novo Alcalde de continuar na mesma situación de menosprezo ás resolucións xudiciais, entendemos procede que, xa sen ningún outro requerimento, se impoñan ao Alcalde as multas coercitivas correspondentes e, ademais, se deduza testemuño por desobediencia.”
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, cualifica de “escandalosa permisividade” dos tribunais que, doce anos despois de se emitir a sentenza, hoxe continúe sen se cumprir. Callón observa que “o novo Alcalde pode dicir que vai continuar a practicar unha moción anulada polos tribunais por ser contraria a dereito sen que aconteza nada, mentres os cidadáns que defenden as leis son condenados... Estes tribunais son unha vergoña e déixannos indefensos a quen reivindicamos os nosos dereitos lingüísticos.”
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|