|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*Mercurio enquisará 1500 estabelecementos para analizar as debilidades e fortalezas do comercio minorista da provincia de Pontevedra
Redacción 08 de setembro de 2006 O proxecto Mercurio presentará o vindeiro luns o Observatorio de Comercio Celsius, unha iniciativa que nace co obxectivo de detectar e analizar as necesidades do sector comercial minorista da provincia de Pontevedra, prestando especial atención ás mulleres. Este observatorio desenvolverase a través da realización de enquisas a 1.500 estabelecementos comerciais da provincia e os resultados obtidos, fortalezas e debilidades do sector, serán analizados por comarcas e poderán ser consultados a través dunha páxina web.
Este proxecto impulsado pola Deputación e que conta co apoio económico Fondo Social Europeo a través da iniciativa comunitaria EQUAL, será pioneiro en Galiza, xa que na comunidade autónoma non existe ningún observatorio que analice as necesidades do comercio minorista, tan polo miúdo. Deste xeito, os ámbitos da observación abarcarán aspectos como por exemplo as características do propietario e do establecemento; formación especializada; o emprego no comercio minorista; comportamento en rebaixas; sensibilización medioambiental; necesidades formativas ou o servizo de atención ao cliente.
O novo observatorio poderá confirmar algunhas das teorías que os estudos feitos ata a actualidade revelan sobre o comercio da provincia, como por exemplo, un baleiro na información sobre múltiples aspectos do comercio como poden ser a participación das mulleres, as dificultades que ten o colectivo para conciliar a súa vida familiar e laboral, o grado de dotación comercial, as deficiencias existentes en materia de xestión, servizos de axuda ao comerciante, nivel de formación ou as deficiencias en materia urbanística que impiden un maior desenvolvemento de centros comerciais abertos.
Finalmente, compre destacar unha vez obtidos os resultados, Mercurio organizará actividades formativas e divulgativas co obxecto de contrarrestar as debilidades do sector.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|