ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*ADEGA e as Asociacións de veciños de Vidán e Laraño denuncian a pasividade do concello de Compostela e de augas de Galiza co verquido do río Sar

Redacción 08 de setembro de 2006
Transcorrido un mes dende a solicitude de información ambiental os colectivos demandantes non obtiveron ningún tipo de resposta polo que interpuxeron unha demanda ante o Valedor do Pobo.

Os tres colectivos que solicitaron información sobre ás análises efectuadas no seu momento non obteñen resposta das administracións que teñen que velar polo interese público. Un verquido como este que matou aos peixes do rio Sar no mes de Xullo ainda non ten os resultados das análises.


Resulta indignante e lamentable que algunhas administracións públicas fagan caso omiso da lei de información ambiental 27/2006 que regula o acceso á información ambiental. Tanto o Concello de Santiago de Compostela como o organismo Augas de Galiza non respostaron en tempo e forma ás solicitudes presentadas. Os colectivos solicitantes non esquecen o verquido do pasado mes de xullo e por este motivo presentaron unha queixa ante o Valedor do Pobo.

Estes colectivos queren lembrar aos organismos correspondentes que deben cumplir a lei como todos os cidadáns e pregúntanse se é que se quere ocultar á opinión pública estes resultados para que os autores do atentado ecolóxico resulten impunes, din.

A quen lle perxudica que se coñezan estes resultados das análises?

Estes tres colectivos sinalan que "quizais os culpables teñen diñeiro e influencia para que estes datos se oculten á opinión pública". "O deber dos organismos públicos e velar polos intereses de todos/as cidadáns e poñer as sancións correspondentes a quen fai perigar ao meio ambiente e máis á saude pública".

Queren lembrar tamén que os traballos de limpeza e restauración ambiental do río Sar foron pagados cos cartos de todos cando os autores do verquido son os que teñen que sufragar estes gastos, sen prexuizo das sancións que lles correspondan. Finalmente ADEGA e as AVV de Vidán e Laraño piden a máxima claridade e transparencia ás administracións públicas á hora de velar polos intereses das cidadás e cidadáns e indican que " estas asociacións non cesarán neste empeño".

Voltar a novas


Ver anteriores