ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*ADEGA e a FEG piden ás Administracións públicas que esixan o selo FSC nas súas compras de produtos forestais


Redacción, 8 de xuño 2005. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) asinaron un manifesto xunto con outras organizacións de axuda ao desenvolvemento, ecoloxistas, sindicatos e asociacións de consumidores no que se demanda ás Administracións públicas que esixan o selo FSC nas súas compras. As Administracións públicas españolas, grandes consumidoras de madeira e papel, non están a demostrar preocupación polo problema da tala ilegal e insostíbel en todo o mundo.

Segundo estimacións do Banco Mundial, as talas ilegais e o seu mercado asociado supoñen, aos países produtores, perdas anuais de entre 10.000 e 15.000 millóns de dólares, dos que entre o 4,2 e o 6,2% débense  ao impacto do consumo español, pois o 15,8% das importacións españolas de madeira proceden de rexións onde as talas ilegais son prácticas habituais, como por exemplo a Amazonia.

A inmensa maioría das Administracións públicas, cuxas compras en madeira e papel equivalen ao 18% do consumo total deste mercado, descoñecen a orixe destes produtos e non contan con instrumentos para evitar que, nas súas obras e servizos, se utilicen produtos forestais extraídos de forma ilegal ou insostíbel. Por exemplo, na nosa terra, segundo o Observatorio “Cidades polos bosques” de WWF/Adena, ningún dos concellos considerados, os de máis de 20.000 habitantes, ten unha política de compra ambientalmente responsábel.

ADEGA, a FEG e
as demais organizacións asinantes do manifesto, piden ás Administracións públicas que tomen urxentemente medidas consistentes no desenvolvemento e aplicación de políticas de compra responsábel de madeira e papel nas que se dea prioridade aos produtos certificados por sistemas críbeis como o FSC (Consello de Administración Forestal ou Forest Stewardship Council) e que rexeiten os produtos cuxa orixe é ilegal, insostíbel ou descoñecida.

As organizaciones asinantes do manifesto achan que o selo FSC (Consello de Administración Forestal ou Forest Stewardship Council), a diferenza do PEFC, activamente promovido desde a Consellería de Medio Ambiente,  é un  sistema de certificación forestal que proporciona unha verificación independente e críbel da boa xestión dos bosques comprometida coa natureza, beneficiosa para a sociedade e economicamente viábel.

Todo o proceso de toma de decisións do FSC basease no equilibrio dos intereses ambientais, sociais e económicos, por iso conta co apoio das principais organizacións ambientalistas.


Voltar a novas

Ver anteriores