ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Tuzaros, o mítico grupo compostelán, despídese do público


Redacción 08 de febreiro 2006 O mítico grupo compostelán, Tuza
ros, despídese do público. Como informan na súa carta de despedida “hai cousas que cansan e estas semellan ser imperecedoiras: que os medios de comunicación do teu país os silencien namentres chegas a soar en emisoras de fóra, que se nos prohiba o acceso aos medios de comunicación públicos que pagamos cos nosos impostos e aos que os “artistas” foráneos acceden xa que produtores dos programas reciben comisión por iso...”

Continúa a ler a carta de despedida ao completo:

DEICA LOGO, AMIGOS

Alá polo ano 1992 tres camaradas con ganas de armala decidimos iniciar unha travesía. A nave foi bautizada co nome de Túzaros. Daquela non tiñamos moita idea dos mares que nos tocaría sucar, como, de feito, estou seguro non o sabe ningún grupo cando empeza. Tras catorce anos de penas, naufraxios e pequenas glorias, o pasado inicio de 2006, decidimos poñer punto final a esta longa e dura, pero marabillosa ruta.

As causas? Pois a verdade e que se Túzaros nos fixemos como se fan todos os grupos lexítimos –ilusión, devoción, mala hostia, ganas de poñer todo patas para arriba e sobre todo tocar ao maior volume permitido polo dono da sala...- á hora de fondear de xeito definitivo non iamos ser tan orixinais -tampouco imos a enganarnos-. O caso é que despois deste tempo, ademais de motivos de índole persoal que se cabe sempre existen en todas as despedidas de grupos, hai cousas que cansan e estas semellan ser imperecedoiras: sacar discos e que non se promocionen minimamente, que os medios de comunicación do teu país os silencien namentres chegan a soar en emisoras de fóra, que se nos prohiba o acceso aos medios de comunicación públicos que pagamos cos nosos impostos e aos que os “artistas” foráneos acceden xa que produtores dos programas reciben comisión por iso, que algúns xornais e xornalistas nos trataran durante tanto tempo como “raritos” tanto por expresarnos na lingua materna coma por facer un estilo musical que para eles resultaba totalmente descoñecido –a ignorancia, meus amigos, xa sabemos como é de atrevida e as máis das veces de perigosa-, que algúns promotores de festivais galegos nunca nos chamasen cando casualmente estes festivais estaban sendo promocionados por certo programa radiofónico do anterior réxime da radio pública galega, hoxe, afortunadamente para o rock galego clausurado...

Pero non imos recordar hoxe a quen realmente non o merece, nin moito menos chorar porque Túzaros nunca o fixemos, e se de algo estamos orgullosos é de ser honestos connosco e coa nosa xente. Non queremos facer unha despedida lembrándonos dos necios e obviando aos bos e xenerosos. De feito Túzaros sempre presumimos de ter un público escaso pero que de certo foi o mellor público que xamais imaxinou ningún grupo: ben formado, máis crítico, con maior actitude, como non incondicional sempre, e por iso reducido.

Durante este tempo percorrendo a xeografía galega – a vida da farándula como acostumaba chamar Emilio de Skornabois, os nosos primos- fixemos bos amigos aos que queremos agradecer o seu apoio e dedicación. En primeiro lugar queremos agradecer á xente dos locais nos que tocamos durante todos estes anos, pequenas catedrais de rock de base, hoxe algúns deles xa pechados ou simplemente aos que se lle prohibe facer música en directo xa que os poderes locais, independentemente do partido político ao que pertenzan, non a consideran política ou culturalmente correcta –malditas expresións-. Para entendernos, o argumento do político xogando a tecnócrata é o seguinte: non me gusta ese ruído nin a xente que congrega e aquí mando eu. Para toda a xente dos locais, propietarios, camareiros e colaboradores vai unha forte aperta: Pub A Rúa (Touro), Pub Pegasus (Santa Cruz de Ribadulla), Pub Lipos (Bertamiráns), Pub Agro das Mozas (Serra de Outes), Discoteca Mandingo (Noia), Pub Nao Berlín (Santiago de Compostela), Pub Pro-Nobis (Santiago de Compostela), A Roda (Malpica), Ribadavia, Iguana Club (Vigo), Ribadeo, Pub Silfo (Carballo), Liceum (Porriño), Quinta Verde (Padrón), Pub Speedy (Santiago de Compostela), Pub Áncora (O Grove), Capitol (Illa de Arousa), Aturuxo (Bueu), Gueto (Cee), Pub Tubos (A Estrada), Pub Rañolas (Caldas de Reis), Rock Club (Ourense), Badulake (Ordes), Pub Inferno (A Estrada), Anoeta (Vigo), Bar Piscina (Cuntis), Pub Gatos (Melide), La Burbuja (Ourense), Nunca Máis (Ordes), Mardigrass (A Coruña), Boiro (A Coruña) e moitos outros que por non nomear non esquecemos.

Tamén queremos agradecer a todos os programadores, asociacións, colectivos e comisións e á xente implicada que traballa, desinteresadamente sempre, para que neste país se fixeran e se sigan a facer festivais cos riscos e traballo que isto implica. Os festivais: Barrio de Vite (Santiago de Compostela), Catoira, Muradelle (Chantada), Malpica, Ribadavia, Cabana de Bergantiños, Santa Cruz de Ribadulla, Burgo das Nacións (Santiago de Compostela), Escravitude, Cerceda, Mote de Valadares (Vigo), Casa Encantada (Santiago de Compostela), Pontevedra, Carral, Polideportivo de Santa Isabel (Santiago de Compostela), Festival Rapa das Bestas (Sabucedo), Festival Alén Rock (Illa de Arousa), Festival Santirock 1.ª Edición (Santiago de Compostela), Ribeira, Vedrarock (Vedra), Velle (Ourense), Punteiro Rock (Vilanova de Lourenzá), Rianxo, Calo, Festival Leña Verde (Calo), Festival local de Marín, Festival 7 notas 7 cidades (Santiago de Compostela), Karraskal Rock (Zamáns, Vigo), Allariz, Verín, Multiusos Fontes do Sar (Compostela), San Froilán, Praza do Seminario (Lugo), Praza de Santa María (Lugo), Praza de Mazarelos (Compostela), Praza do Toural (Compostela), Verea Rock (Vedra), Oleiros (A Coruña)...

Queremos agradecer de xeito especial á xente da NASA. A que pasou e a que segue. Eles en boa medida foron os que nos incitaron a facer o que fixemos e sen dúbida os que mellor souberon entendernos. A verdade é que nós en particular tivemos moita fortuna ao termos uns padriños tan sabios, e os terrícolas en xeral séguena a ter, polo menos namentres a NASA siga sendo tan ben pilotada. Longa vida aos mestres...

E falando de mestres non podemos esquecernos dos técnicos de son que nos levaron durante estes anos tanto en estudo coma en directo, auténticos profesionais que fixeron elevar as nosas intencións á máxima potencia: Toño Vázquez, Alex Konflikto, Fran da Estrada, Javier Abreu, Gonso Pedrido, Javi Dismal, Segundo Grandío e moitos outros camaradas que facéndonos son por primeira vez tiveron a paciencia de aturar os nosos comentarios, as máis das veces infundados, e domesticar o noso son, que non foi pouco.

Un saúdo para todos os grupos cos que compartimos escenario durante todos estes anos. Para os que seguen, que apreten os dentes e sigan na primeira liña. Non queda outra. Así mesmo queremos agradecer a Edicións do Cumio a súa confianza á hora de sacar adiante os nosos traballos en estudo, crendo en nós cando ninguén o fixo. Ás distribuidoras por mover os discos e á xente que se implicou en que saíran adiante. A Purris, quen nos fabricou a páxina web cando poucos tiñan, e a Cave, quen a mantivo e puxo ao día constantemente nos últimos tempos.

E por suposto a maior débeda témola co que nos medios se chama público e ao que nós preferimos chamar amigos. Á xente que nos berraba Túzaros! nada máis baixar da furgoneta e logo dábao todo no concerto. A aqueles que mercaron a camisola ou o CD ou o piratearon –nós sempre preferimos ser escoitados que non o ser-. Toda esa xente que nos entendeu, berrou, soportou, animou –e que as máis das veces tivemos que aturar baixo os efectos do alcohol e outras substancias despois dalgún bo concerto- e sobre todo apoiou. Especialmente á xente das vilas, que entendeu mellor as regras dos nosos principios e mensaxes. Por favor, nunca nos esquezades porque nós nunca o faremos.

Dende estas liñas, e en nome dos meus compañeiros de batalla, Xoán López, Xulio Boquete e os que se sumaron nos últimos anos ao proxecto Túzaro, os baixistas X. M. Tejo e Paul Zervero, despídese un amigo. A todos saúde e liberdade.

Non hai nada que perder
Porque nada temos xa
Moito tempo hai atrás
Que a Historia xulgará
Trinitarios (2005)

M. César, San Lázaro (Compostela), 7 de xaneiro de 2006


Voltar a novas

Ver anteriores