|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
Mesa pídelle á Secretaria Xeral de Política
Lingüística “planificación e
transparencia”
Redacción
08 de
febreiro 2006
O
colectivo cidadán en defensa do galego reclama que se
elabore “urxentemente” un proxecto global de actuación
para o 2006.
A
Secretaria Xeral de Política Lingüística
anuncia á Mesa
que vai desenvolver “unha campaña social sobre o
topónimo A Coruña”.
O
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística,
Carlos Callón, xunto coa Secretaria Xeral desta entidade,
María Xosé Jamardo, mantiveron esta mañá
unha entrevista con Marisol López, Secretaria Xeral de
Política Lingüística da Xunta de Galiza.É
o segundo encontro que se produce entre a organización
cidadá en defensa da lingua e a nova responsábel da
materia no Goberno galego.
Os
dirixentes da Mesa transmitíronlle a Marisol López a
súa “preocupación” porque a Secretaría
Xeral non estea a “atacar os problemas de base que ten o
galego, como a vulneración de dereitos no ámbito da
xustiza ou do ensino”. Reclamáronlle tamén “un
proxecto global de actuación para o 2006”, o cal,
segundo indicou Marisol López, está aínda
sen facer, mais que pretende presentar nas próximas
semanas. O colectivo recorda que “unha política
lingüística, para ser eficiente e eficaz, precisa de
ser planificada; non pode facerse a base de ocorrencias”.
Nese sentido, A Mesa presentou unha táboa das que
considera “dez medidas urxentes”, dentro das
estabelecidas polo Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega.
Carlos Callón e María Xosé
Jamardo tamén convidaron formalmente a Marisol López
a “coñecer o local nacional da Mesa pola
Normalización Lingüística en Santiago”,
para que poida ver de primeira man o xeito de traballo que ten
unha organización cidadá en defensa da lingua.
Na
entrevista tratáronse, entre outros, os seguintes temas:
-
Ensino: A Secretaria Xeral non coñece a situación do
galego no ensino, mais comprométese a promulgar un novo
Decreto que garanta un mínimo dun 50% da docencia na nosa
lingua
A Secretaria Xeral reiterou o compromiso, xa
sinalado previamente pola Conselleira de Educación, de que
parao curso próximo un mínimo dun 50% da docencia
será na nosa lingua. Para iso, A Mesa indica que non só
é necesario que se promulgue un novo decreto, senón
que tamén se realicen actividades previas, tanto
sensibilizadoras como formativas, para o profesorado que no curso
próximo vai estar afectado por esa norma legal.
Unha
anécdota “sorprendente” da entrevista
produciuse cando a Secretaria Xeral lle preguntou aos dirixentes
da Mesa se coñecían casos concretos de
incumprimentos. Nese momento, os responsábeis da Mesa
sinalaron as varias carpetas voluminosas que tiña nos
estantes do seu gabinete, que na súa rotulación
sinalaban que aí se gardaba a información
relacionada coas denuncias xudiciais presentadas pola Mesa por
vulneración do Decreto 247/95 , que marca as materias
mínimas a impartir en galego no ensino non universitario.
Segundo o Presidente da Mesa, “é tal a situación,
que a Secretaria Xeral non coñece aínda nin a
información que ten no seu propio gabinete. Informes tan
cruciais como os relacionados co galego no ensino, están
como adorno nos estantes.”
- A Coruña:
topónimo e cooficialidade
A Secretaria Xeral
mostrouse reacia á posibilidade de que desde o seu
departamento se abra un novo frente xudicial para defender a
legalidade lingüística no Concello da Coruña.
Porén, si indicou que tiña en proxecto desenvolver
unha campaña social, informativa e permeabilizadora, sobre
a denominación xenuína e única oficial da
cidade: A Coruña.
A Mesa parabeniza esta decisión,
e agarda que “non se dea marcha atrás por intereses
partidarios”. Ademais, esta organización recorda que
o problema nesta cidade non é só o referido á
súa denominación, senón que nesta
administración municipal o galego está “proscrito”,
negándolle na práctica diaria o seu carácter
constitucional de “lingua propia e cooficial”.
-
Convenio coa Confederación de Empresarios: A Mesa pide
“transparencia”
O departamento de Política
Lingüística viña convocando anualmente axudas
para a galeguización de empresas. Hai varias semanas a
Secretaria Xeral anunciou que ía asinar un convenio, por un
valor superior aos 720.000 euros, coa Confederación de
Empresarios de Galicia (CEG); a cantidade de diñeiro é
próxima á do montante de convocatorias de
subvencións de anos anteriores. Porén, a Secretaria
Xeral transmitiulle á Mesa que aínda non tiña
decidido se este ano se ían convocar ou non as subvencións,
á parte do convenio coa CEG.
A Mesa pola
Normalización Lingüística pide que a Secretaría
Xeral actúe “con transparencia nesta materia”.
Pregúntanse ademais se non será unha “ocorrencia
que carece da necesaria reflexión previa”, pois a
decisión de asinar o convenio tomouse non só antes
de ter unha planificación para o 2006, senón mesmo
antes de que a CEG lle presentase á Xunta o seu proxecto de
traballo.
A Mesa tampouco entende cales son as razóns
para externalizar servizos que podería desenvolver a propia
Secretaría Xeral, máxime a través dunha
entidade que non está galeguizada (até hai pouco a
CEG nin tiña operativa a súa web en galego;
actualmente, a súa páxina de entrada continúa
cos textos só en castelán e a versión en
galego está chea de graves incorrecións, como
“formación ocupacional y continua”, “control
de xestión y presupostario”, “asistencia
a la presidencia”, etc).
Ademais, esta decisión
supón a “hibernación” de todo o traballo
realizado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega
para o sector empresarial.
- Centro de Investigación
Ramón Piñeiro
A Secretaria Xeral de
Política Lingüística anuncioulles tamén
que, contrariamente ao que viña defendendo até o
momento, o Centro de Investigación en Humanidades Ramón
Piñeiro vai deixar de depender do seu departamento. A Mesa
considérao “unha moi boa noticia para a lingua”,
pois case dous millóns de euros dos orzamentos que deberían
servir para normalizar o galego destinábanse a actividades
culturais e de investigación que non repercutían na
incorporación da nosa lingua a novos ámbitos. A Mesa
pola Normalización Lingüística defendeu que se
adoptase unha decisión como esta desde o mesmo momento en
que se creou o Centro.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|