GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*O goberno informa ao BNG que en virtude do acordo asinado por Defensa e General Dynamics as instalacións da fábrica de armas manterán o seu carácter militar cando menos até 2011

Redacción 07 de novembro de 2006 Jorquera expresa a súa preocupación porque a estas alturas o Goberno non saiba se General Dynamics cumpriu os seus compromisos sobre investimento e achega de carga de traballo “Parece pouco serio que o Goberno teña que estar á agarda dunha auditoría”, di o senador do BNG.

Os terreos da Fábrica de Armas, cuxa titularidade pertence ao Ministerio de Defensa e cuxo uso teno cedido temporalmente Santa Bárbara Sistemas S.A., manterán a súa cualificación “de interese para a Defensa Nacional” como mínimo ate 2011, segundo o acordo asinado o 25 de Xullo de 2001 entre o Ministerio de Defensa, Patrimonio do Estado e a compañía, propriedade da multinacional norteamericana General Dynamics.

Esta información contense na resposta que o Goberno do Estado vén de dar a unha pergunta formulada por escrito polo senador do BNG Francisco Jorquera.

O dirixente nacionalista, coordenador executivo do BNG, interesábese por coñecer se o Goberno do Estado vai intentar garantir no futuro a continuidade da fábrica “na súa actual ubicación”.

A este respeito, o Goberno non dá nengunha garantía máis alá de 2011. O Executivo informa asemade que General Dynamics paga a Defensa e a Patrimonio do Estado o “2,20 por cento da facturación xerada pola empresa pola produción para terceiros”.

Na pergunta, Jorquera demandaba tamén información sobre o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos por General Dynamics cando se fixo co control da empresa.

Neste sentido, o Goberno informa do xa sabido: o cumprimento dos compromisos societarios (permanencia no accionariado en posición de control por un período mínimo de cinco anos, mantemento duns fundos proprios determinados) e o mantemento do cadro de persoal. Mais o Goberno non oferece nengunha garantía sobre o cumprimento dos compromisos en relación cos investimentos na empresa (60 millóns de euros) nen en relación coa aportación de negocio (83 millóns de euros).

A este respeito, o Goberno limítase a dicer que, en estrito cumprimento dos termos do acordo de compra, un auditor independente realizará o control destas cuestións ao termo da vixencia do plano industrial de cinco anos asinado no momento da adquisición (e cuxo plano final expirou o pasado mes de Xullo).

“Parece pouco serio que a estas alturas o Goberno sexa incapaz de fornecer a mínima información sobre un aspecto básico do plano industrial. É evidente que sen carteira de pedidos, e sen os investimentos precisos, o futuro da fábrica non está en absoluto garantido, nen do ponto de vista da súa viabilidade empresarial futura nen do ponto de vista do mantimento do cadro de persoal”, afirma Jorquera.

“Cómpre ter moi en conta que o compromiso de mantimento dos postos de traballo xa ten caducado, porque o prazo finalizou en Xullo pasado, e a empresa podería actuar agora con mans libres nesta materia. É fundamental traballar na dirección de dotar de carga de traballo á empresa. O Goberno non pode ollar cara outro lado e afirmar que está á espera de que se cumpran as previsións do contrato no que atinxe á elaboración dunha auditoría. O Goberno debe tomar a iniciativa e abrir unha interlocución directa coa empresa para asegurar o cumprimento dos investimentos previstos”, avalía o coordenador executivo do BNG.

Se o Goberno non actúa así, na dirección de instar á empresa a que dea cumprimento ao pactado, as sospeitas sobre o interese puramente especulativo de General Dynamics nesta operación non farán senón medrar, tendo en conta que ademais apenas faltan cinco anos para que o uso militar dos terrenos poda mudar.

Voltar a novas

Ver anteriores