Publicidade
Contacto
|
*O Cineclube estrea en Galiza Ao oeste dos camiños de ferro
Redacción 07 de novembro de 2006 O Cineclube de Compostela estrea na Galiza este mércores 8 ás 22:00, e durante todo o mes de Novembro, o documentario Ao oeste dos camiños de ferro (Tie Xi Qu, Wang Bing, China, 2003). Este filme, considerado pola crítica internacional como un dos máis relevantes dos últimos anos, non puido, porén, ser visto até o momento no noso ámbito. O Cineclube ven a rachar con este silencio proxectando as nove horas de fita ao longo de todo este mes de Novembro. Debido á duración do filme, será proxectado en catro partes, unha en cada mércores de cineclube, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).
Verbo deste filme, Alberto Elena, especialista en cinema do sur, dixo:
“Se hai un, e só un, filme que sintetice as formulacións e logros do novo documentario chinés, ese é, sen dúbida Ao oeste dos camiños de ferro (Tiexi Qu), auténtica obra mestra do movemento cuxo visionado permitira falar a un entusiasmado Alain Bergala da "conturbadora sensación de que este filme inaugura de xeito radical a nova era cinematográfica". Rodado ao longo de ano e medio nun decrépito distrito industrial de Shenyang, o filme -estruturado en tres partes relativamente independentes e cunha duración total de nove horas- constitúe un extraordinario fresco verbo dos efectos do desmantelamento das tradicionais factorías da cidade e o desolado panorama social e psicolóxico dos seus habitantes. Auténtica suma dos diferentes métodos e rexistros consagrados para o novo documentario chinés, mais tamén da súa dimensión participativa e do compromiso cívico, Tiexi Qu é unha obra participativa e de compromiso cívico, Tiexi Qu é unha obra encol da cumprirá volver nos anos vindeiros.”
As proxeccións, como é xa habitual no Cineclube, realizaranse en versión orixinal con subtítulos en galego, e a entrada será de balde, puidendo os asistentes adquirir un bono axuda para colaborar co labor do Cineclube.
Programa:
Ao oeste dos camiños de ferro (Tie Xi Qu, Wang Bing, China, 2003). En catro partes:
Mércores 8 ás 22:00:
Ferruxe I (125’)
Mércores 15 ás 22:00:
Ferruxe II (115’)
Mércores 22 ás 22:00:
Vestixios (175’)
Mércores 29 ás 22:00:
Camiños de ferro (135’)
Voltar
a novas
Ver
anteriores |
|