ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*Jorquera di que para o BNG o esencial é conseguir un “bon acordo para o País” e enfatiza que o programa do bipartito se fará “con transparecencia, luz e taquígrafos”


Redacción, 07 de xullo 2005. “Queremos un acordo á maior brevidade posíbel, mais as présas nunca son boas conselleiras e non é positivo traballar baixo a presión de datas límites”. O coordenador executivo do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Jorquera, declarou esta mañá que o obxectivo básico da formación nacionalista nas actuais conversas co PSOE é conseguir “un bon acordo para o país”.

“O que pretendemos é un bon acordo para o país. A resultante das conversas será, en todo caso, unha resultante con luz e taquígrafos. Queremos un programa de Goberno o máis preciso e concreto posíbel e queremos que todo isto se faga cunha enorme transparencia”, en beneficio do interese xeral, afirmou o dirixente nacionalista no transcurso dunha entrevista na Televisión de Galiza.

“Estamos na fase de intercambio de propostas e de negociación das diferenzas que eventualmente podan ir xurdindo”, explicou Jorquera, quen avanzou que a estas alturas “non hai aínda acordos programáticos concretos”.

“Nunha primeira fase, abordaremos o programa do Goberno bipartito. Será nun segundo estadío cando analisemos a estrutura do Goberno e o organigrama máis acaído para a Xunta de Galiza”, acrecentou.

Jorquera salientou que o BNG desexa que o acordo se produza canto antes, mais tamén reflexionou sobre o feito de que as présas nunca son boas compañeiras. “É preciso unha negociación seria para concertar un bon acordo. Temos que traballar sen a presión de datas límites. E na perspectiva de conseguir un acordo satisfactorio que permita que canto antes se materialicen os desexos de cambio e de respecto polo país expresados pola cidadanía o 19 de Xuño”, subliñou.

FUNDOS ESTRUTURAIS

Interpelado por Tino Santiago a respeito da hipótese de que o Goberno bipartito teña que xestionar o país sen os fundos estruturais, Jorquera considerou a este respeito que “é necesario, e aí o Goberno galego terá tamén algo que dicer, que o Goberno do Estado desenvolva unha acción política para que Galiza continúe a ser receptora deses fundos”.

“O grande fracaso do PP nestes 16 anos de Goberno foi ter desaproveitado a enorme dispoñibilidade de diñeiro que tivo a oportunidade de xestionar. Non soubo utilizar estes recursos para lograr que Galiza converxese en riqueza nen coa UE nen co Estado español. E quero lembrar que se se dese esa circunstancia (que Galiza deixase de ser rexión obxectivo Número 1) sería exclusivamente como consecuencia do efeito estatístico, e non porque teñamos avanzado realmente na converxencia”, salientou Jorquera.

En todo caso, o coordenador executivo explicitou que o BNG se ratifica na súa convición de que “non podemos hipotecar o futuro exclusivamente á recepción de fundos exteriores”, polo que cómpre “pór en marcha un Novo Estatuto de Nación e pór en marcha un novo sistema de financiamento autonómico que dote ao Goberno do país de suficientes recursos para atender as necesidades da populación e garantir o desenvolvimento económico”.



Voltar a novas

Ver anteriores