ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*Os CAF rexeitan a celebración do I Salón Monográfico da Educación Superior (Docentia)


Redacción, 7 de maio 2005. Os Comités Abertos de Faculdade queremos expresar con esta nota de prensa o noso rechazo á celebración Docentia.I Salón Monográfico da Educación Superior, que se celebra os días 6, 7 e 8 de maio en Compostela.
Os CAF entendemos que a universidade é un servizo básico para a formación de persoas críticas que sexan capaces no futuro de transformar a sociedade. Entendemos que a universidade é un servizo público que non debe estar condicionada polas demandas do mercado, senón polas necesidades do País e das persoas. Entendemos que a universidade como servizo público debe estar financiada con recursos públicos e non condicionada por empresas.

Docentia encarna xustamente o contrario do que nos defendemos como universidade pública e de calidade. É
un salón organizado pola Xunta de Galiza onde van estar representadas empresas, universidades privadas e públicas en pé de igualdade, é dicir, un verdadeiro escaparate de como a economía de mercado quere condicionar o ensino universitario.

Entendemos que este salón non é máis que outra proba de como a Xunta de Galiza, co PP á cabeza, vai desenténdose máis da universidade pública, planificando conscientemente que as empresas tomen o timón desta, condicionando así a existencia de certas carreiras en base a súa rendabilidade económica.

En definitiva, este salón é unha proba máis de que a universidade pública camiña cara a súa privatización e elitización, sendo a educación un ben máis que se pode mercantilizar. Queremos tamén aproveitar esta nota de prensa par manifestar o noso máis rotundo rechazo á proposta de catálogo de títulos de grao que estes días saiu á luz nos medios de comunicación.

Dende os CAF vemos como unha verdadeira provocación que se queiran eliminar títulos ou refundilos noutros. O caso máis paradigmático no noso País sería a supresión de filoloxía galega, o que reflicte que non se ten en conta a pluralidade lingüística á hora de facer estes catálogos. Tamén queremos destacar o feito de que se queiran suprimir Historia da Arte e Humanidades, dúas titulacións con personalidade, obxetivos e contidos propios.



Voltar a novas

Ver anteriores