ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
FEMINISMO, SEMPRE IMPRESCINDÍBEL

Redacción 07 de marzo 2006 A continuación reproducimos o comunicado da Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza con motivo da celebración do día Internacional das Mulleres. Tamén lembrar que o propio día 8 haberá concentracións e manifestacións por todo o País e que está convocada para o sábado 11 unha manifestación nacional que sairá ás 18:00 h. da Alameda de Compostela.

Comunicado:

FEMINISMO, SEMPRE IMPRESCINDÍBEL

O feminismo é un movimento moi variado e plural que ten como obxectivo a defensa dos dereitos das mulleres e a transformación da sociedade patriarcal nunha sociedade en igualdade.

Cando escoitamos falar da ablación do clítoris, das lapidacións por adulterio, da obriga de cobrirse coa burka, de condenar a morte por homosexualidade, sentimos con claridade que o patriarcado está moi presente e fortalecido neses pontos do planeta, pero pode parecernos que é unha realidade allea a nós.

Nos chamados países occidentais está estendida a crenza que as mulleres non precisamos do feminismo porque as sufraxistas reivindicaron e conquistaron o acceso á esfera pública: o sufraxio, o traballo asalariado non proletarizado, a educación superior...

Máis tarde un renovado movimento feminista conseguiu cuestionar algunhas das normas e relacións sociais do patriarcado, tornando controvertidos aspectos do mesmo que antes eran aceptados como normativos, e conquistando dereitos fundamentais como o divorcio, o aborto, a persoalidade xurídica, etc.

Agora, coa presión e a sensibilización social, obtemos cuotas de representación, leis contra a violencia de xénero, leis de igualdade, etc..., pero seguimos observando as enormes dificultades que comporta o noso acceso igualitario ao ámbito público, onde máis que un teito de cristal damos cun auténtico muro de formigón.
Fronte a todo isto, as feministas continuamos, como ha¡ dous séculos, estudando a nosa realidade, analisandoa, organizándonos, participando desde outras organizacións sociais, desde os partidos políticos, as institucións, o mundo da cultura, porque o patriarcado continua presente na nosa sociedade. Está no número de mulleres asasinadas e agredidas; nos salarios máis baixos e nas condicións de emprego máis precarias; nas dificultades para ocupar postos de dirección en todos os ámbitos; no número de mulleres obrigadas a prostituirse polas redes de traficantes; na crecente feminización da pobreza; nas responsabilidades familiares non compartidas; nas dificultades para abortar, para formarse afectiva e sexualmente; na insatisfacción coa imaxe corporal que deriva en graves problemas de bulimia, anorexía ou operacións cirúrxicas; na baixa autoestima; no auxe dos integrismos relixiosos e na aceptación das relixións que nos castran e alentan a nosa dominación; na exaltación de valores como a virxinidade e o modelo familiar único...

O FEMINISMO CONTINUA A SER UNHA FERRAMENTA IMPRESCINDIBEL para seguir subvertindo os códigos culturais dominantes, para dar resposta á reacción machista frente ao avance das mulleres en todos os ámbitos sociais, unha ferramenta que desmonte para sempre a sociedade patriarcal, para construír día a día unha sociedade inspirada nos valores da xustiza, a paz, a solidariedade, a liberdade e a igualdade.

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza.

Actos convocados para o día 8:

Vigo: ás 20:00 h. Praza de portugal
Pontevedra: ás 20:30 h. Praza 8 de Marzo
Ferrol: ás 20:00 h. no Cantón
A Coruña: ás 20:00 h. no Obelisco
Compostela: ás 20:00 h. Praza 8 de Marzo
Cee:
ás 20:00 h. na Alameda

Sábado 11 de marzo: Manifestación nacional que sairá ás 18:00 h. da Alameda de Compostela.

Fonte feminismo.info.

Voltar a novas

Ver anteriores