ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Jorquera pide “igualdade en dereitos e igualdade en deberes” entre o galego e o español


Redacción 07 de febreiro 2006 A Executiva do BNG considera “un avance positivo” que se garanta a obriga dos traballadores das administracións públicas de coñecer a lingua galega. Porén, segundo explicou Francisco Jorquera, o camiño é a plena igualdade legal de “dereitos e deberes” entre galego e español, polo que o novo Estatuto galego debe incluír a obrigación de coñecer o idioma propio, do mesmo xeito que a Constitución a establece para o castelán.

De non facerse así, estaríase lexitimando un status de “lingua B” para o galego, segundo o coordenador executivo do BNG. Jorquera tamén explicou que sería incomprensible para os galegos que a nosa lingua non recibise o mesmo trato que o idioma catalán no Estatut desta nación.

Futuro do sector enerxético

A Executiva Nacional tamén valorou durante a súa reunión semanal as condicións impostas polo goberno central para a OPA de Gas Natural sobre Endesa. Tendo en conta que se lle obrigará a Endesa a desfacerse de varios activos, entre eles a central das Pontes, a dirección do BNG pide que se garanta a libre concurrencia. De momento, o goberno central deixou intacto o acordo polo que Iberdrola se fará coa central térmica galega despois da OPA.

Jorquera pídelle ao goberno central que rectifique, de cara a que o capital galego poida facerse cargo da térmica das Pontes. En todo caso, os nacionalistas galegos actuarán en todos os foros “para garantir que se aseguren todos os investimentos previstos, nomeadamente nas centrais de ciclo combinado”.

A Executiva tamén louvou o traballo do conselleiro de Industria, Fernando Blanco, en defensa dos intereses do sector enerxético galego; asemade, amosou o seu apoio á idea de que se amplíe a participación pública en Reganosa.

Financiamento autonómico

O encontro entre o conselleiro de Economía e representantes das tres forzas políticas para preparar a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira recibiu o apoio do BNG. Jorquera quixo resaltar que “é unha conquista do nacionalismo que as tres forzas políticas coincidamos en criticar o actual sistema de financiamento e tamén na necesidade de acadar a suficiencia financeira. “Esta non se conseguirá cunha facenda central forte, senón cunha facenda galega forte”, precisou o coordenador executivo nacionalista.

En canto á elaboración do novo Estatuto, o BNG defende que se invite a representantes da sociedade civil ás reunións das comisións parlamentarias.


Voltar a novas

Ver anteriores