ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns



*A Princesa que Bocexaba a Todas Horas, da galega OQO editora recibe o 2º Premio Nacioal de Ilustración 2006

Redacción 05 de xuño de 2006
A PRINCESA QUE BOCEXABA A TODAS HORAS, obra ilustrada por Elena Odriozola e publicada pola editorial pontevedresa OQO Editora ven de ser galardoada co segundo Premio Nacional de Ilustración 2006, na súa categoría de Libros Infantís (Premios 2006 a las Mejores Ilustraciones de Libros Infantiles y Juveniles) concedidos polo Ministerio de Cultura ás obras publicadas no ano 2005.


O Primeiro Premio correspondeu a Isidro Ferrer, polas ilustracións do libro Una casa para el abuelo publicado por Ediciones Sinsentido.

O xurado do certame, segundo informa o Ministerio de Cultura, foi presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Mónica Fernández e composto polos vocais Miguel Ángel Teso, Cristina Durán e Lluís Farré, propostos polas asociacións profesionais de Ilustradores de Madrid, Valencia e Cataluña; Lidia Ollero, Javier Zabala e Inma Pla, personalidades relacionadas coa creación, promoción e difusión do libro Infantil e xuvenil; Isabel Ruiz e Teresa Atienza en representación da Subdirección Xeral da Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

A PRINCESA QUE BOCEXABA A TODAS HORAS, escrita pola autora onubense Carmen Gil, foi editada no pasado mes de novembro do 2005 en galego, castelán, catalán e desde este mes de xuño está tamén dispoñible en portugués.

Esta obra forma parte da colección O de OQO Editora, destinada para nenas e nenos de entre tres e sete anos. OQO aposta polo álbum ilustrado de produción propia, pola existencia dun espazo de creación para autores e ilustradores, buscando novas propostas que recollen diferentes sensibilidades artísticas.

Como proxecto editorial, apóstase pola calidade na edición: encadernación en cartoné e ilustracións a cor, buscando que cada libro sexa único, diferente. Nos dez meses de vida de OQO, son xa máis de 20 títulos os que a editora pontevedresa ten editado en galego, catalán, castelán e portugués.

Elena ODRIOZOLA
Naceu en San Sebastián o 27 de novembro de 1.967. A súa vinculación co mundo da arte presentouse desde que era cativa, xa que o seu pai e o seu avó pintaban. Estudiou arte e decoración. Durante oito anos traballou no terreo da publicidade, pero desde 1998 dedícase exclusivamente á creación plástica no mundo da ilustración de libros para nenos. Ten ilustrado máis de 50 obras de literatura infantil.

A PRINCESA QUE BOCEXABA A TODAS HORAS
Autora: Carmen Gil
Ilustradora: Elena Odriozola
IDADE RECOMENDADA: de 3 a 7 anos
ISBN: 84-96573-02-8
10.50€ | 36 páx. | cartoné | 25x23cm

A princesa non facía máis que bocexar e, como os bocexos son tan contaxiosos, todo o palacio andaba coa boca aberta: o rei, a raíña, os ministros..., ata o gato e o can do xardineiro boquexaban.

O rei trataba de contentar a súa filla con todo o que tiña ao seu alcance, pero os seus intentos eran inútiles. Un día, mentres paseaba polos xardíns, o fillo dun criado de palacio achegouse á princesa e...

Un relato divertido, sinxelo e eficaz que, con acento poético, lle saca gran partido á linguaxe e subliña o valor da amizade cunha mensaxe clara e directa para os lectores: “… nin bólas de xeado, nin colchóns de pluma, nin elefantas amarelas alegran o corazón das princesas tanto como un bo amigo”.

Un conto para axudar os nenos a recoñecer os valores que lles farán gozar da infancia, nunha sociedade a miúdo ameazada polo consumo, que esquece a relación, o xogo tradicional e a experimentación como actividades indispensables para coñecer o mundo e establecer lazos afectivos.

As ilustracións de Elena Odriozola presentan un trazo delicado e intimista, con moita personalidade; sutil tanto a nivel técnico como a nivel conceptual.

Voltar a novas

Ver anteriores