|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Fala
Ceibe do Bierzo pide un maior recoñecemento
do galego periférico
no Estatuto de Galiza
Redacción
05 de abril 2006 A
Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo
(www.falaceibe.tk),
de defensa da cultura e maila lingua galegas, diríxese á
Comisión parlamentaria de reforma do Estatuto de Galiza
para pedirlle un maior compromiso político coa protección
da lingua galega dos 4 territorios periféricos de:
Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas sanabresas e Val de Ellas
cacereño.
Actualmente
este compromiso institucional coa promoción do galego do
Este realízase polo mandato normativo fixado na Lei Galega
de Normalización Lingüística, “(...)
protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes
coa Comunidade Autónoma” (artígo 21.2). Esta
declaración resulta escasa para levar a cabo a plena
normalización lingüística nos ditos
territorios. O mantemento de esta lingua minoritaria é
difícil na Comunidade Autónoma de Castela e León,
xa que aínda non se ten recoñecido como idioma
oficial, o que provoca desigualdade xurídica que favorece
un contexto xeneralizado de discriminación cultural.
Fala
Ceibe pide un maior recoñecemento do galego limítrofe
no propio Estatuto de Autonomía de Galiza. Hai que erguer o
rango xurídico de protección do galego periférico,
mediante un novo artigo estatutario, para implicar máis ás
instituciois da Comunidade Autónoma de Galiza (Xunta de
Galiza, Consello da Cultura Galega, Universidades, medios de
comunicación e demais) co mantemento e o fomento deste
idioma minoritario nos territorios viciños.
Fala
Ceibe lembra que a poboación autóctona dos 4
territorios limítrofes non pode asumir todo o protagonismo
na conservación do galego, porque somos minorías
lingüísticas divididas en varias Comunidades Autónomas
e baixo administraciois públicas escasamente interesadas
polo noso desenvolvemento etnocultural. A Comunidade Autónoma
de Galiza debe comprometerse activamente coa defensa e o fomento
da lingua galega nestes territorios viciños, aínda
que os actuais límites político-administrativos que
nos afastan empecen unha intervención directa.
Fala
Ceibe insta a que se superen os lindeiros político-administrativos
entre as Comunidades Autónomas de Galiza e Castela e León,
mediante a sinatura de convenios de colaboración coas
instituciois de O Bierzo (Consello Comarcal, concellos,
universidade, asociaciois culturais e demais). Os eidos de
actuación destes convenios a prol do idioma galego son
variados: ensino, administraciois locais, turismo, medios de
comunicación, actividades culturais, etcétera.
Fala
Ceibe pide que se diferencie claramente no propio Estatuto de
Autonomía de Galiza, cos seus respectivos artigos, dous
tipos de intervenciois públicas que se fagan en materia
lingüística. Trátase de
distinguir o fomento do “galego estremeiro”, nos ditos
4 territorios periféricos, do ensino do “galego
exterior”que se instrumentaliza a través dos Centros
Galiza das comunidades emigrantes e dos leitorados de galego nas
universidades de fóra de Galiza. Esta distinción
estatutaria solicitada débese facer tamén efectiva
nas propias leis galegas de Normalización Lingüística
(Lei 3/1983, de 15 de xuño, Título V. Promoción
do galego exterior) e de recoñecemento de Galeguidade (Lei
4/1983, de 15 de xuño). A variada problemática da
normalización idiomática que precisa o “galego
estremeiro” pouca relación ten coa sinxela promoción
cultural concretada no “galego exterior”. Ademais non
resulta axeitado demandar a esixencia legal de “recoñecemento
de galeguidade” ás catro comunidades etnoculturais
limítrofes que compartimos a mesma historia, tradiciois e
lingua galegas dende a Idade Media.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|