|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
Mesa considera unha “fraude” que a Secretaría
Xeral de Política Lingüística se dedique a
facer “antoloxías literarias”
Redacción
05 de abril 2006 Carlos
Callón: “A política lingüística de
Marisol López é esencialmente a
mesma que a practicada polo PP”.
“A
Secretaría Xeral leva unha política de Homenaxe á
Lingua, sen garantir o cumprimento da legalidade nin incorporar o
idioma a novos ámbitos”.
“A Mesa agarda
que, polo ben do país, ningún departamento da Xunta
copie os modelos aplicados por esta Secretaría Xeral; sería
como se en troca de eliminar a peaxe de Rande, se editasen
unidades didácticas sobre as peaxes”.
Onte,
a Secretaria Xeral de Política Lingüística
presentou na Coruña unha serie de material pedagóxico
e cultural que edita para o Día das Letras. Ademais de se
encargar da divulgación da figura de Lugrís Freire
como escritor, a Secretaría editou 14.000 exemplares dunha
cuestionábel antoloxía literaria, idéntica á
que cada ano chega ás librarías galegas coa
sempiterna relación de textos de autoras e autores
homenaxeados no 17 de Maio.
A
Mesa considera que a figura de Lugrís Freire merece “todas
as homenaxes e recoñecementos pois, entre outras cousas,
foi un pioneiro na introdución da nosa lingua en novos
ámbitos”. Porén, “a Secretaría
Xeral debería decatarse de cal podería ser a súa
función real en todo isto e non pórse a pagar
unidades didácticas, DVDs sobre o escritor, antoloxías
literarias, etc, que son cometido da Consellaría de
Educación ou da Consellaría de Cultura”.
Segundo
Carlos Callón, Presidente da Mesa, “o que está
a facer esta Secretaria Xeral é o mesmo que leva facendo o
PP nos últimos 16 anos: política de homenaxe á
lingua, que permite aparentar que se fai algo sen na realidade
facer nada”. O portavoz da Mesa cualifícaa, por iso,
de “política fraudulenta, porque aquí o único
cambio importante que houbo foi de organigrama e de cara, mais iso
non está a ter consecuencias positivas para a lingua”.
A
Mesa desexa que ningún departamento do Goberno galego imite
a Secretaría Xeral, polas “consecuencias desastrosas”
que podería ter para o país. “Sería
como se en vez de eliminar a peaxe de Rande, presentasen unha
unidade didáctica sobre as peaxes e unha antoloxía
de todos os textos literarios onde se fala das peaxes. Aplícanse
á xestión da lingua uns criterios que o sentido
común non permitiría aplicar a ningún outro
campo da xestión.”
“Mentres se mal gasta
o diñeiro en actividades culturais ou educativas que non
son política lingüística, os problemas
esenciais do galego están aínda sen resolver: Que
vai facer a Secretaria Xeral para que no Concello da Coruña
se cumpran a Lei de Normalización e o Estatuto? Que vai
facer a Secretaria Xeral para que se aplique o Plan Xeral de
Normalización no ensino? Vai facer algo a Secretaria Xeral
para garantir que se dobren ao galego os filmes para o público
infantil?”, pregúntase o Presidente da Mesa, quen
recorda que “en Cataluña acaban de estrear Ice Age
2 en catalán. En Galiza podiamos tela en galego, mais a
Secretaria Xeral non moveu nin un dedo para que iso puidese ser
así. Estaba moi ocupada pagando unidades didácticas
e antoloxías literarias”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|