ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*O Concello de Santiago asina un convenio de colaboración coa Fundación Via Galego

Chuza! esta nova!
Redacción 04 de decembro de 2006 Desenvolverán actividades para propiciar o intercambio cultural cos territorios de lingua portuguesa.

Esta mañá o tenente de alcalde e concelleiro de cultura de Santiago de Compostela, Néstor Rego, e o Presidente da Fundación Via Galego, Carlos Callón, asinaron un acordo de colaboración entre ambas as entidades para que esta fundación, de recente constitución e impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, desenvolva na capital de Galiza diferentes actividades que contribúan á dinamización cultural a través de actividades baseadas en fomentar o intercambio cos territorios pertencentes ao sistema lingüístico galego-portugués.

Néstor Rego subliñou que coa sinatura deste convenio se continúa nunha liña de traballo á cal lle outorga grande relevo a concellaría de cultura de Santiago. Ademais, manifestou que vai propor que o Concello se integre plenamente dentro do Padroado da Fundación Via Galego. Rego avaliou que “Galiza ten unha grande potencialidade dentro do sistema lingüístico e cultural galego-portugués que está case aínda sen explorar” e puxo como exemplo que “todos os galegos sabemos ler en portugués, aínda que non saibamos que sabemos, e tal situación supón unha irregularidade á que lle hai que pór remedio”.

Carlos Callón, presidente da Fundación Via Galego, promovida pola Mesa, indicou que “fronte a quen di que co galego non se chega a ningunha parte, temos que replicar que co galego se chega até á China, e non metaforicamente, porque a través do galego podemos comunicarnos coa rexión chinesa de Macau, unha ex colonia portuguesa que, por certo, ten unha taxa de crecemento económico anual do 28% e que ten un especial interese en ser a porta da China á chamada Lusofonía. Que a maioría da sociedade galega descoñeza as posibilidades internacionais que se nos abren grazas ao galego supón un empobrecemento cultural e unha perda de oportunidades económicas”.

A través do convenio asinado hoxe, o Concello de Santiago contribúe con 25.000 euros ás primeiras actividades de Via Galego. Entre estas actividades estará a creación dunha páxina web, a adquisición dos primeiros fondos para unha mediateca que sirva como Centro de Recursos na cidade e a campaña “Aprende em 25 segundos a ler um texto em português”, que axiña se presentará polo miúdo. Esta última acción pretende divulgar a ortografía portuguesa na Galiza, para contribuír a eliminar tópicos e derrubar barreiras mentais sobre as supostas dificultades de comprensión do estándar portugués.

Voltar a novas

Ver anteriores

Publicidade: