Publicidade
Contacto
|
*A militancia do BNG aproba unha nova Executiva de consenso con máis do 90% dos votos
Redacción 04 de decembro de 2006 Despois dous días intensos na que a militancia do BNG tivo a oportunidade de escoller á nova dirección da fronte así como de aprobar as teses que rexerán o traballo da organización para os vindeiros anos, o Consello Nacional entrante fixo unha proposta unitaria para a Executiva que foi aprobada con máis do 90% dos votos. Nas votacións para o Consello Nacional, nas que concorrian 4 candidaturas, a lista de Quintana foi amplamente respaldada co 62,57% dos votos.
Esta fin de semana o BNG tiña a obriga de demostrarlle á sociedade galega que era capaz de superar as diferencias internas en favor do proxecto común para avanzar no proceso de emancipación nacional. E así o fixo.
Catro listas concorrian nas votacións ao Consello Nacional encabezadas por Anxo Quintana, Xosé Manuel Beiras, Rosario Fernández e Fermín Paz, e a militancia deu o seu veredicto:
Outorgou 1.646 (62,57%) votos á candidatura encabezada por Quíntana, 449 (17,07%) votos á de Encontro Irmandiño (Beiras), 291 (11,06%) á de Alternativa (Fernández) e 245 (9,32%) á de Movemento pola Base (Paz), o que se traduce en 31 membros para a lista de Quintana, 9 para a do Encontro Irmandiño, 5 para a Alternativa e 5 para o Movemento pola Base.
Executiva Nacional de consenso
O novo Consello Nacional tiña a obriga de aprtesentarlle á militancia unha proposta de Executiva (son necesarios 15 membros), e dúas posibilidades ficaban no aire: ou ben dúas listas (unha por parte da candidatura de Quintana e outra por parte do resto) ou ben unha única lista de consenso, como finalmente ocorreu.
Tras varias horas de reunión o novo Consello Nacional facía a través do Portavoz Nacional, Anxo Quintana, unha proposta unitaria de Executiva, coa seguinte conformación: Anxo Quintana González, María Xosé Bravo, Francisco Rodríguez Sánchez, Clara Millán González, Francisco Xesús Jorquera Caselas, Ana Belén Pontón Mondelo, Roberto Mera Covas, Ánxela Bugallo Rodríguez, Alberte Ansede Estraviz, Rosana Pérez Fernández, Xosé Manuel Beiras Torrado, Mario López Rico, Cristina Amor Faia, Rosario Fernández Velho e Amada Traba Díaz, aprobada con máis do 90% dos votos.
Isto supuxo 10 membros para a candidatura de Quintana, 3 para a do Encontro Irmandiño e 2 para a Alternativa. O Movemento pola Base que sí apoiou a lista unitaria quedou fora a petición propia tras anunciar que non pactarian para entrar na Executiva.
Aprobados tamén o Informe de Xestión e o documento de Teses
O Informe de Xestión do Consello Nacional saínte acadou un respaldo dun 65,6% de votos a favor (1303); 28,1% (558) en contra e un 6,2% (124) de abstencións. En canto ao documento de Teses un 74,4% de votos a favor (1357), 21,2% (387) en contra e 4,3% (79) de abstencións.
Varias enmendas foron incorporadas ás Teses, tras a aprobación por parte do Pleno da Asemblea, referidas á obriga do uso do galego no exercicio do cargo para os cargos institucionais e de designación política; ao impulso da normalización do idioma desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Así mesmo, foron aprobadas enmendas para que o goberno galego traballe para adaptar o fuso horario galego á súa hora natural (a mesma que Portugal, Reino Unido ou Canarias), e para que se destine o 0,7% dos orzamentos da Xunta á cooperación no desenvolvemento.
As anécdotas da xornada
Esta Asemblea do BNG bateu record de participación contando con máis 2700 militantes acreditados así coma numerosas convidadas e convidados.
A Tele BNG, que acompañou aos asistentes á Asemblea, ou a Zona Bluetooth, dende a cal eran enviadas imaxes e aos asistentes, foron toda unha sorpresa. Tamén foi empregada a nova melodía interpretada polo coñecido grupo Berrogüetto que a partir de agora acompañará ao BNG nos seus actos.
Durante a clausura hai que destacar a emotiva homenaxe que recebeu o representatnte da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, que asistia como delegación convidada, na que todo o auditorio se puxo en pé batendo palmas e berrando Palestina vencerá!!.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|