|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*As análises da auga do Umia amosan unha contaminación elevada que require dunha urxente pero moi complexa descontaminación
Redacción 04 de setembro de 2006 Nunha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente en Caldas de Reis, ADEGA foi informada das primeiras análises da auga do Umia. Á vista dos resultados, ADEGA informa que estamos diante dunha contaminación altamente preocupante: un vertido ácido, cun pH por debaixo de 2, e todo un listado de metais pesados, contaminantes orgánicos, hidrocarburos, cloro derivados, etc. no río, que mata toda forma de vida e fai moi complexa o proceso de descontaminación.
Dende a organización ecoloxista indican que ante unha contaminación desta magnitude e gravidade que mata toda forma de vida presente no río, hai que tratar de tomar medidas urxentes para impedir que afecte a un maior treito de río e que chegue aos bancos marisqueiros da ría de Arousa comprometendo tamén o abastecemento das povoacións de Vilagarcía e do Salnés (máis de 100.000 persoas).
Dende ADEGA recoñecen que se trata dunha situación de emerxencia que require dunha actuación urxente. A este respeito indican que foron informados da construcción, iniciada na tarde do sábado -e que continuou ao longo de toda a noite-, de 5 azudes filtrantes de terra no propio río para permitir a descontaminación da auga nas balsas así formadas por medio de carbón activado. Trátase dunha operación moi complexa que require da máxima dilixencia na súa aplicación, xa que o aumento do nivel de auga non deixa moito tempo para proceder á descontaminación. Trátase tamén de actuacións dun elevado impacto ambiental que, ante a falta doutras alternativas viábeis -como desviar o río polas canles de muiños para descontaminar a auga nos estanques destes, tal e como propuña ADEGA-, temos que asumir como inevitábeis, din. No entanto, ADEGA esixe un control estrito e unha monitorización continua dos traballos por parte dos técnicos de Medio Ambiente, para garantir que tais impactos sexan mínimos. Só queda agardar a que a climatoloxía permita completar con éxito a descontaminación total do río, informan.
Por outra banda, ADEGA manifestoulle ao Conselleiro de Medio Ambiente que esta situación de emerxencia que estamos a vivir, aliás das responsabilidades que poda ter a empresa no accidente, está directamente provocada pola ubicación desta instalación á mesma beira do río. Neste senso ADEGA xa lle adiantaou a súa reivindicación: "concordamos en que empresa recupere a súa actividade normal para salvagardar os postos de traballo, pero de ningunha maneira pode aceptarse que continúe na actual ubicación á beira do Umia, cando ademáis as instalacións quedaron totalmente destruídas", din.
ADEGA seguirá con atención a pé de obra todo o proceso de descontaminación do Umia e indican que de ningún xeito aceptarán a reanudación das actividades da planta nesta ubicación.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|