|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*O BNG considera que o plante de alcaldes do Partido Popular á Consellaría de Medio Rural é unha proba de uso partidista das institucións que goberna
Redacción 04 de setembro de 2006 Francisco Jorquera afirma que “esta actitude o único que provocará son prexuízos para os veciños dos concellos nos que gobernan”.
Jorquera precisou que ninguén insultou os alcaldes do PP, senón que o que fixeron os dirixentes nacionalistas foi “unha crítica política da actuación dalgúns rexedores, que non todos, deste partido”. “O Partido Popular criticou a actuación da Xunta, e do mesmo xeito, o BNG critica lexitimamente agora a algúns dos seus cargos; o que non é de recibo é que iso desemboque nun plante institucional”, afirmou.
“Esta actitude o único que provoca é prexuízos para os veciños dos concellos que gobernan estes alcaldes”, segundo o coordenador executivo do BNG. Xa que “na reunión da que marcharon, íanselles comunicar as liñas de axudas económicas que o goberno galego habilitou para resarcir as perdas, así como as medidas máis urxentes de recuperación do monte”, explicou.
Os nacionalistas galegos ratificáronse nas críticas que efectuaron os seus dirixentes durante os días pasados, xa que contan con suficientes probas de actitudes obstrucionistas durante as tarefas de extinción. Na rolda de imprensa do pasado martes 29, o secretario de Acción Municipal, Roberto Mera, afirmara que os grupos municipais do BNG presentarían mocións nos concellos para esclarecer as responsabilidades.
Plan de Obras
Por outra parte, Jorquera considera “significativa” a mención do Plano de Obras suspendidas pola consellaría de Medio Rural feita polos alcaldes “populares” da Coruña. “Acaso depende a colaboración entre institucións, nun tema tan importante coma o dos incendios forestais das obras suspendidas o ano pasado?”, afirmou. Lembrou tamén o “asalto sufrido polo Parlamento galego” por esta mesma cuestión como “outro exemplo máis da política de algarada que practica o PP”.
Por último, o tamén senador nacionalista relacionou a actitude dos alcaldes co seu nerviosismo ante a proximidade das eleccións municipais.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|