ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*A Mesa pregúntalle a Política Lingüística como pensa recuperar falantes mantendo o ensino como o principal axente desgaleguizado
r

Redacción 04 de maio 2006 Carlos Callón: “Sobra propaganda e falta traballo. O movemento demóstrase andando”. Tras a comparecencia de onte da Secretaria Xeral de Política Lingüística, o Presidente da Mesa, Carlos Callón, lamenta que este departamento autonómico continúe na mesma liña de “propaganda inútil” e “desprezo ao movemento cidadán en defensa do galego”.

Callón recorda que “A Mesa pide que se comece a facer política lingüística de verdade, unha política lingüística tranquila e baseada no consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, algo que até o momento non se ve por ningures”.

Callón salienta que “na Mesa compartimos o obxectivo expresado onte por Marisol López de que hai que recuperar o galego entre a xente máis nova, mais preguntámonos como se pode facer iso sen crear espazos de uso para a nosa lingua, que é algo que a Secretaría Xeral aínda non fixo nin ten proxectado facer en todo este ano. Moito máis difícil vai ter chegar a este obxectivo se mantén o ensino como o principal axente de desgaleguización. Desde logo, se pensa recuperar o galego entre os mozos e mozas con antoloxías literarias e novos lectorados no estranxeiro, imos aviados.”

“A Secretaria Xeral debería explicar as razóns polas que non fai nada para que se aplique o Plan de Normalización no ensino para o curso que vén. Cales son os impedimentos para facelo? Que se fixo en todos estes meses para a galeguización do ensino? Non hai nin política lingüística transversal desde o seu departamento nin política lingüística para o ensino: Isto é unha fraude.”

Callón reitéralle máis unha vez a López a “vontade de colaboración da Mesa para que se produza un cambio de verdade” e lémbralle que “nós falamos de ideas e de xestións, non de persoas”, aínda que tamén lle subliña que “A Mesa ten todo o dereito a discrepar e a exercer toda a presión democrática que considere precisa para que a situación poida mudar para o ben do galego”. Entre esas medidas de presión democrática, A Mesa convocou unha mobilización para o próximo 17 de Maio en Santiago de Compostela, que ten no seu manifesto a seguinte petición: “agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego.”

As comisións do Plan Xeral de Normalización Lingüística non se reuniron nunca baixo o mandato de Marisol López

O Presidente da Mesa agarda tamén que se deixe de faltar á verdade cando se di que o Plan Xeral se está a aplicar e pide por iso “menos retórica propagandística e máis traballo; como di o refrán, o movemento demóstrase andando”.

Ademais, Carlos Callón, que participou na elaboración do Plan Xeral en representación da Mesa, recórdalle á Secretaria Xeral que non é certo que cando ela chegase ao seu gabinete non houbese xa un documento coas medidas priorizadas de aplicación do Plan; polo contrario, cada comisión de traballo fixo xa ese labor pouco antes da convocatoria das eleccións. “Todo este traballo tirouse pola borda para comezar de cero. Nin esas medidas se aplicaron e nin tan sequera se volveron reunir as anteditas comisións”.


Voltar a novas

Ver anteriores