Publicidade
Contacto
|
*ADEGA solicita a demolición do encoro do Umia
Redacción 03 de novembro de 2006 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicita que se proceda a demolición do encoro do río Umia no concello de Caldas de Reis. ADEGA sempre expresou, dende que se deu a coñecer o proxecto de construción desta presa, a súa postura radicalmente contraria á súa construcción.
O proxecto naceu cun cúmulo de irregularidades e ilegalidades polas que nunca se debera construir:
-O Estudo de Impacto Ambiental era copia literal doutro proxecto de Andalucía. Nin se molestaran en cambiar o nome dos pobos (Puebla de Guzmán en vez de Caldas de Reis) nin das especies animais (meloncillo, buitre negro…).
-O obxectivo da presa estaba falseado: abastecer de auga ao Salnés supoñendo que ía a multiplicarse varias veces a poboación actual.
-A motivación de urxencia era ilegal e asi o declarou tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como o Tribunal Supremo en sucesivas sentencias.
Así non foi de estranar que o daquela Conselleiro Sr. Cuiña inaugurara as obras ás oito da mañán, para evitar a protesta dos veciños, xa que a oposición social foi outra das características deste proxecto. Polo tanto ás ilegalidades anteriores debemos engadir o agravante da nocturnidade.
A realidade, por desgraza, dounos a razón. O encoro non resolveu ningún problema:
-O do abastecemento porque non existía (de feito non está conectado a ningunha rede de abastecemento).
-O das inundacións da vila de Caldas, porque no proxecto non se recollía este obxectivo, aínda que logo a Xunta o utilizara como escusa para intentar frear a oposición social.
Pola contra, o único que creou este encoro, ademáis dun grave impacto ambiental, foi un problema moi severo que nunca antes existira: diminuiu a calidade da auga no encoro e río abaixo dende que se pecharon as comportas, con varios episodios de augas en mal estado, turbias ou con cheiros desagradábeis, e que agora se agravou ao non ser apta para o consumo doméstico.
En definitiva, que onde non había problema creouse un, e ademáis cun custo ambiental, social e económico moi elevado. E non esquezamos que a obra fíxose con fondos públicos.
Para ADEGA o problema non é se tirar ou non a presa, -temos claro que sí- senon que de novo sexan os cartos de todos e todas os que teñan que usarse para este fin.
Voltar
a novas
Ver
anteriores |
|