|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*ADEGA
oponse ao aproveitamento hidroeléctrico do río
Pontepedra
Redacción,
03 de agosto
2005 A Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
presentou alegacións contrarias ao Proxecto sectorial do
aproveitamento hidroeléctrico no río Pontepedra, en
Tordoia (A Coruña), promovido por "Unión
Distribuidores de Electricidad, SA (UDESA)". A xuízo
de ADEGA, a nova central hidroeléctrica provocaría
unha degradación inaceptábel nun contorno de elevada
calidade ambiental. ADEGA demanda a Augas de Galicia, organismo
dependente da Consellería de Medio Ambiente, que non aprobe
esta central hidroeléctrica.
O aproveitamento
hidroeléctrico derivaría unha parte importante do
caudal do río nun tramo de grande beleza paisaxística
caracterizado pola presenza de rápidos e fervenzas. A
central empobrecería drasticamente o potencial deste tramo
fluvial como recurso turístico que, adecuadamente posto en
valor e xestionado, pode contribuír ao desenvolvemento
local.
Ademais do impacto negativo que causaría
sobre o río, o proxecto deterioraría o contorno, ao
supor a apertura dunha nova pista até o río ou a
construción dunha liña de alta tensión de 2
quilómetros que evacuaría a electricidade xerada na
central até a subestación do encoro de Vilagudín.
O
aproveitamento hidroeléctrico do Pontepedra non conlevaría
a construción dunha nova presa, ao aproveitar o azude do
"Muíño do Xan". Porén, esta presa
parece ter un considerábel impacto sobre o río, polo
que ADEGA solicitou a Augas de Galicia que realice un informe
sobre o seu impacto e as posíbeis medidas para o
corrixir.
A aportación da central do río
Pontepedra ao parque de xeración eléctrica sería
insignificante, en contraste co seu importante impacto ambiental.
A súa potencia de 1.176 Kw representaría tan só
o 0,01% da potencia eléctrica total instalada en Galiza.
Tamén sería desprezábel a redución de
contaminación que suporía en comparación coa
produción eléctrica en centrais térmicas. Por
exemplo, evitaría a emisión de 2.583 toneladas de
dióxido de carbono (gas causante de cambio climático),
tan só 0,06% das emisións en 2001 da central de
carbón de Meirama.
ADEGA, xunto con outras
organizacións, promove unha campaña de apoio a unha
iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos galegos
(www.ilprios.org). Esta proposición de lei, que será
debatida na próxima lexislatura polo Parlamento de Galiza,
pretende garantir a conservación e o uso sustentábel
dos ríos fronte a proxectos destrutivos como o da central
do río Pontepedra.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|