ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*
A CIG lamenta a morte en accidente laboral do traballador de Porriño



A Confederación Intersindical Galega (CIG) lamenta a morte en accidente laboral de outro traballador no Porriño, na comarca de Vigo, e denuncia o preocupante incremento da sinistralidade en Galiza e dos accidentes laborais con resultado de morte. Para a CIG as causas do incremento da sinistralidade están na precariedade laboral na que se atopan os traballadores e traballadoras, con longas xornadas de traballo e ritmos de produción abusivos, os cada vez maiores índices de eventualidade no posto de traballo e a impunidade dos empresarios cando incumpren a súa obriga de respectar a lei.

Suso Seixo, Secretario xeral da CIG advirte da necesidade de que se adopten “medidas drásticas para corrixir esta grave situación” e demanda que as “administracións estabelezan mecanismos máis rigorosos de control do cumprimento da lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais”. A CIG agarda un cambio na situación co novo goberno, xa que até o de agora as administracións amosaron un total desinterese polo asunto. Tal é así, que nos orzamentos de 2005, a Xunta de Galiza, a través da consellaría de Sanidade destinou “cero” euros, por exemplo, a facer seguimento das enfermidades profesionais.

Campaña

Advertindo a gravidade da situación, a Executiva Confederal da CIG, vén de aprobar a posta en marcha dunha campaña pública de sensibilización social e demanda política, que non exclúe posíbeis mobilizacións de non poñerse en marcha as medidas máis urxentes que demanda a central sindical.

Entre estas medidas destacan:

Creación de unidades básicas de atención inmediata para primeiros auxilios e ambulancias-UVI nos polígonos industriais, que permita a asistencia e traslado inmediato dos accidentados/as no menor tempo; Reclamación das competencias da Inspección de Traballo para a Xunta de Galiza; Especialización en prevención dos Inspectores/as por sectores de actividade e enclaves (polígonos), asignación específica aos sectores con máis riscos. Na suma de medios para a fiscalización desta tarefa, habilitación dos técnicos dos Gabinetes de Saúde Laboral da Xunta con capacidade sancionadora; Posta en marcha do servizo de fiscais para as iniciativas penais recollidas na Lei e rigorosidade na aplicación desta, nos aspectos de neglixencia e responsabilidade empresarial; Formar desde os sindicatos a todos delegados e delegadas de prevención na instrución de sumarios nos supostos de accidentes laborais, na finalidade de ter informes reais para os procedementos ante a Inspección e a Xustiza; Crear unha consciencia de resposta inmediata por parte da clase traballadora ante un accidente mortal, que estenda a mobilización hoxe exclusiva no naval; Campañas constantes nos Centros de FP, aleccionadoras na cultura de prevención e seguridade laboral na concepción destes parámetros como un dereito fundamental; Extensión a todos os convenios colectivos das normas básicas de prevención e seguridade, e creación de dispositivos normativos que garantan a aplicación da Lei; Exercer a obriga do Sergas para a atención e cobertura de todos aqueles casos de IT que veñan derivados de altas indebidas ou negación das Mutuas ante accidentes relacionados con factores do traballo; Ampliación e actualización do catálogo de enfermidades profesionais en todos sectores. Tamén nos de nova implantación (automóbil) e os tradicionais do naval, lousa, canteiras e construción; formación a todos os traballadores e traballadoras sobre os riscos específicos do posto de traballo, plans de evacuación e primeiros auxilios.


Voltar a novas

Ver anteriores