|
Publicidade Contacto Novas Internacional Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana:
“ninguén ten dereito a vetar os debates con escusas
de mal pagador porque sería tanto como vetar aos
cidadáns”
Redacción,
3 de xuño
2005.
Confirma que asistirá “sen condicións previas”
a todos os que se convoquen polos medios e comprométese
como presidente a un debate no Parlamento tras os 100 días
de goberno. O candidato do BNG á presidencia da Xunta,
Anxo Quintana, confirmou a súa asistencia aos debates entre
candidatos programados pola TVG e por TVE para os días 6 e
15, respeitivamente, e salientou que asistirá “sen
ningunha condición previa” a todos os que que
convoquen os meios de comunicación por considerar que é
“unha demanda dos cidadáns” e un síntoma
de “normalidade e modernidade” democrática.
Quintana
instou aos outros dous candidatos a non escudarse tras “disculpas
de mal pagador”. “Non vale nen falar da urbanidade de
uns ou outros, nin tampouco alegar que non vai o outro candidato”.
Por contra, o candidato nacionalista foi rotundo ao afirmar que
“ninguén ten dereito a veto con escusas de mal
pagador porque sería tanto como vetar aos cidadáns.
É unha demanda da cidadanía que é a quen
debemos responder”.
O
candidato nacionalista reiterou, a preguntas dos xornalistas, que
asistirá a todos os debates “sen prefixar condicións
previas de ningún tipo porque se nos convoca en resposta a
unha demanda dos galegos e galegas”.
O líder
do BNG comprometeuse, ademais, como presidente da Xunta, a
someterse a un debate no Parlamento transcurridos os primeiros 100
días de goberno e adiantou que se someterá a todas
as preguntas que queira facer a oposición en sesións
de control na Cámara galega. “Quero darme o gosto de
permitirlle a Fraga o que el sempre lle negou á oposición:
debate, pero con el na oposición”.
Quintana
suliñou que a “transparencia e rexeneración
democrática” son parte fundamental do cambio galego
que propugna o BNG e, neste sentido, comprometeuse a non usar a
facultade de designar ao director da CRTVG, propondo que sexa
nominado no Parlamento “por consenso entre as tres forzas
políticas”.
Asemade, comprometeuse a impulsar
a modificación do actual marco legal para incluír as
propostas da iniciativa lexislativa popular en relación aos
meios públicos de comunicación.
INQUÉRITOS
O
candidato nacionalista declinou, máis unha vez, os
resultados das diferentes enquisas dadas a coñecer nos
últimos días pero salientou que durante a precampaña
detectou un interese maioritario de cambio en Galiza, “que
debe ser en galego, con acento galego, e non unha
derivación de cambios feitos dende fóra.”
Quintana
calificou de “moi positiva” a viaxe a América,
porque lle deu a oportunidade de ter un “contacto directo”
cos galegos da diáspora. Recalcou que Galiza necesita unha
relación diplomática “de goberno a goberno”
con países como Arxentina e Uruguai, onde a colectividade
galega é moi importante, que supere a actual relación
de carácter cuase folclórica.
Ao respeito da
polémica do voto emigrante, o candidato nacionalista
salientou as reiteradas propostas lexislativas impulsadas polo BNG
para modificar a lei eleitoral e permitir o voto coas mesmas
garantías e transparencia que no interior. “Nin o PP
nin o PSOE aceptaron esa modificación”,
concluíu.
REUNIÓN CLUB ECONOMÍA
IÑAS
Quintana desprazouse até o Clube de
Economía Iñás, onde manterá un
xantar-coloquio privado cos socios e convidados a esta cita por
parte dos responsábeis deste foro, para posteriormente
dirixirse a Viveiro, onde participará nun mitin cos
candidatos pola provincia de Lugo.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|