ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Demandan das forzas políticas unha aposta forte polo desenvolvemento sostíbel



Redacción, 3 de xuño 2005. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) enviaron aos candidatos á Presidencia da Xunta das principais forzas políticas o documento “Un programa para a Terra. Propostas para avanzar cara a unha Galiza sostíbel na próxima lexislatura”. No comezo da campaña electoral, as organizacións ecoloxistas galegas demandan ás forzas políticas unha aposta forte polo desenvolvemento sostíbel, como garantía dun futuro de benestar e calidade de vida.

En síntese, o documento de ADEGA, FEG e CEMMA propón:

1) Elaborar unha auténtica Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostíbel con ampla participación social. Esta Estratexia ou Axenda 21 Galega garantirá a integración real de criterios ambientais en todas as políticas autonómicas e procurará a ecoloxización da nosa economía.

2) Ordenar racionalmente o territorio, o que conleva ao noso entender a creación dunha completa rede de espazos naturais protexidos unidos por corredores ecolóxicos, a xestión integrada do litoral, a limitación do crecemento urbano ou a adecuación dos usos agrarios e forestais á vocación dos solos.

3) Mellorar o acceso á información ambiental, impulsar a educación ambiental e fomentar a participación da sociedade civil nos asuntos ambientais.

O documento propón compromisos en diferentes áreas: xeral, enerxía, transporte, residuos urbanos, industria, ordenamento do territorio e urbanismo, litoral, conservación da natureza, augas, forestal, agricultura e gandería, pesca marítima, educación ambiental, participación social e reforma do Estatuto de Autonomía. Destaca algunhas ideas e propostas que, a xuízo de ADEGA, FEG e CEMMA, é necesario levar á práctica para facer da próxima lexislatura a do desenvolvemento sostíbel.

Das 70 propostas enunciadas, salientamos as seguintes:

1) Estabelecer unha Subdirección Xeral específica para o fomento da Axenda 21 Local.

2) Aprobar unha auténtica Estratexia Galega de Cambio Climático, con obxectivos cuantitativos e prazos por sectores para a redución de todos os gases con efecto invernadoiro, definindo medidas e orzamentos. No marco da Estratexia, procurarase a redución substancial das emisións das centrais térmicas.

3) Elaborar un Plano de Transporte e Infraestruturas  que teña como prioridades a redución da demanda de transporte, o fomento da intermodalidade e a transferencia de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos menos contaminantes, así como demadar ao Goberno central a revisión do Plan Galicia despois de o someter a unha avaliación ambiental estratéxica.

4) Revisar o Plan de Residuos Urbanos para que priorice a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Procurar a redución dun 1% anual da produción de residuos, reconverter o complexo ambiental de SOGAMA e estabelecer un calendario para o abandono da incineración antes do 2010.

5) Aplicar un Programa de Fomento da Ecoeficiencia na industria, identificando para os distintos sectores obxectivos de redución de recursos empregados por unidade producida.

6) Elaboración  dunha Lei de costas cun espírito conservacionista e promoción dunha estratexia de xestión integrada do litoral que procure o uso sostíbel dos recursos e do espazo, coordinando as políticas que inflúen na zona costeira. Neste marco, impulsarase o traslado do complexo de ENCE-ELNOSA en Pontevedra.

 7) Ampliación da rede de espazos de protección especial até cubriren o 10% da superficie galega en 2009, incluíndo, entre outros, os Ancares e o Courel (non se consideran de protección especial as “Zonas de especial protección dos valores naturais” e os “Humidais protexidos”).

8) Aprobación dunha lei para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos a partir da toma en consideración da iniciativa lexislativa popular pola defensa dos ríos.

9) Revisión do Plan Forestal para o adecuar aos principios da sostibilidade  e corrixir o desequilibrio a favor da produción de madeiras de especies de crecemento rápido en detrimento doutros usos do monte (conservación da natureza, madeiras e froitos de árbores autóctonas, gandeiro,...).

10) Elaboración dun plano para o desenvolvemento da produción agrogandeira ecolóxica que fixe obxectivos cuantitativos e prazos para o aumento da superficie e da produción e apoie o desenvolvemento de circuítos comerciais curtos e o consumo de produtos ecolóxicos en Galiza.

11) Creación dunha rede de reservas mariñas de interese pesqueiro.

12) Impulsar Planos Sectoriais de Educación Ambiental (EA)  referidos a diversos ámbitos  co obxecto de desenvolver a Estratexia Galega de Educación Ambiental.

13) Reforma inmediata do Consello Galego de Medio Ambiente  e doutros órganos consultivos (Consello Forestal,...) para os converter en órganos de participación social representativos, plurais e influíntes.

14) Crear un Observatorio Galego da Sostibilidade, independente e de carácter técnico, para elaborar e difundir información anualmente sobre o estado do medio ambiente e sobre indicadores de sostibilidade.

15) Na Reforma do Estatuto, crear a figura d@ Valedor(a) da Terra e as Xeracións Futuras.


Voltar a novas

Ver anteriores