ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Quintana di que o 19-x se elixe ou un “presidente acabado que só sabe meter medo” ou un “presidente novo” que plante cara a Madrid con diálogo e firmeza



Redacción, 3 de xuño 2005. “O 19 de Xuño, ninguén que leve o país no corazón pode ficar na casa e desentenderse”. O dilema, a “decisión vital”, ao que se enfrenta a sociedade galega o próximo 19 de Xuño está entre “un presidente acabado que só sabe meter medo e que só oferece mentiras” ou un “presidente novo para un país novo que plante cara a Madrid con diálogo e con firmeza”. Así o dixo esta noite, no acto de comezo de campaña, no acto de pegada de cartaces, o candidato do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta de Galiza, Anxo Quintana.

Nun mítin celebrado na Praza das Praterías, e no que foi precedido no uso da palabra pola número 2 nacionalista ao Parlamento Galego por A Coruña, Ánxela Bugallo, o líder nacionalista afirmou con vehemencia que o PP “xa forma parte dos problemas da xente”.

“O PP non aporta solucións. O PP é o problema. O PP o único que aporta é empanada. Ou por mellor dicer: empanada para hoxe e fame para mañá”, afirmou Quintana, quen dirixiu as súas críticas ao candidato da formación conservadora: “O único recurso de Fraga é o medo. Fraga vive do medo. E da súa man, o PP estase a converter nunha nova Santa Compaña que só aparece para lle meter medo á xente e para provocar falsas alarmas”.

“Que perdan toda esperanza. A sociedade galega é unha sociedade libre e madura e non se vai deixar intimidar. A sociedade galega xa cambiou e o 19 de Xuño vai consagrar a súa mudanza definitiva apoiando o cambio galego que o BNG e eu mesmo representamos”, engadiu.

O cambio galego chegará a Galiza o 19 de Xuño da man do voto de “todos e todas os que sabemos que para viver mellor é preciso un Goberno nacionalista, decente e honesto, e un presidente nacionalista que traballe ao servizo da xente, das súas ideas e dos seus soños”. Nesta liña, avanzou o seu compromiso de presidir un Goberno que ante todo “escoite á xente e dialogue coa xente”. “Vou dirixir un Goberno próximo e comprometido co país”.

O líder do BNG fixo un encendido chamamento á participación da cidadanía no proceso eleitoral: “O 19 de Xuño, ninguén que leve o país no corazón pode ficar na casa. Ninguén pode desentenderse. Está en xogo o futuro de Galiza. Hai que ir a votar e hai que ir votar en galego”, afirmou e -dirixíndose aos alí presentes e a toda a populación através dos meios de comunicación- engadiu: “Estamos ante un momento histórico, unha encrucillada. Galiza pode dar un salto e equipararse de facto coas outras nacións do Estado. Galiza ten direito á esperanza e ningún de nós ten direito a negarlla”.

Quintana mostrou a súa convición de que o cambio é irreversíbel porque é un mandato dunha cidadanía libre e madura que “quer un Goberno honesto e decente”. “Necesitamos un Goberno que estea á altura da xente, non un goberno que asfixie á xente”, engadiu.

Será o BNG quen devolva “as institucións aos cidadáns” e será o BNG porque “somos o referente da maioría social, unha maioría que desexa que o cambio político se escriba e se pronuncie en galego”.


Voltar a novas

Ver anteriores