|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Beiras
participa no Foro Social Europeo de Atenas
Redacción
01 de maio
2006 A Fundación
Galiza Sempre representa ao nacionalismo galego nun novo encontro
do movemento contra a globalización ultraliberal. Xosé
Manuel Beiras, Presidente da Fundación Galiza Sempre (FGS),
asistirá en Atenas entre o 4 e o 7 de maio á cuarta
edición do Foro Social Europeo (http://athens.fse-esf.org),
unha nova cita deste movemento contra a globalización
neoliberal e a guerra que se enfrenta á desregularización
laboral, a pobreza e a destrución do medio
ambiente.
Despois
dos encontros celebrados en Florencia (2002), París
(2003) e Londres (2004) agárdase que miles de participantes
se xuntarán en Atenas para intercambiar experiencias e
organizar redes de coordinación e de solidariedade. Nestes
momentos está confirmada a presenza de múltiples
organizacións sociais, ecoloxistas,
feministas, sindicais e ONGs procedentes de diversos países
da Unión Europea (fundamentalmente Francia, Italia, España,
Bélxica ademais da propia Grecia), asi como de Rusia,
Bulgaria, Turquia, Albania, Palestina, Marrocos, Paquistán
ou Bangladesh. Dase tamén unha moi diversa
procedencia dos participantes inscritos a título
individual.
No
Comité organizador grego ademais de ATTAC, Amnistía
Internacional, Greenpeace ou Médicos do Mundo, entre outras
grandes organizacións sociais, hai entidades de diferentes
países da África subsahariana (Nixeria, Congo,
Sudán,...) directamente involucrados na preparación
do VII Foro Social Mundial a celebrar en Kenia en xaneiro de 2007.
A FGS quer aproveitar este marco social e organizativo
para potenciar a presenza galega no ámbito internacional
mediante contactos con algunhas das principais asociacións
políticas e sociais representadas para o que xa se ten
coordinado previamente con organizacións amigas como o
CIEMEN, a Alianza Libre Europea (ALE.asbl) e outras fundacións
do estado español. Para os responsabeis de Galiza Sempre “a
presenza neste foro permite contrastar a vitalidade da resposta
social á globalización neoliberal e coñecer
directamente os novos procesos de organización e
movilización que están a producirse en Europa”.
Beiras e outros dirixentes e organizacións do
nacionalismo galego teñen participado activamente en todos
os foros sociais, europeos e mundiais, celebrados desde 2001. A
fundación nacionalista recolleu esta traxectoria na
publicación “Galiza no Foro Social Mundial”
logo da súa presenza no programa oficial do V Foro de Porto
Alegre (Brasil).
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|