|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*O
BNG defende que avanzar no autogoberno é unha condición
necesaria para que Galiza converxa co estado
Redacción
03 de marzo 2006
“Se
Galiza diverxeu co Estado durante a era Fraga foi pola
incompetencia do PP, mais tamén pola insuficiencia do marco
estatutario actual”, afirma Jorquera. No encontro co Colexio
de Economistas de A Coruña, Jorquera defende que no
contexto do Novo Estatuto se dean pasos para que as caixas de
aforro invistan os seus fundos en promover a economía
produtiva. Avanzar
no autogoberno e superar as insuficiencia do marco estatutario
actual son condicións necesarias para que a economía
galega comece a converxer coa do Estado, asegurou esta mañá
na Coruña o coordenador executivo do BNG, Francisco
Jorquera.
Jorquera expresouse nestes termos en declaracións
aos xornalistas logo de, na compaña do portavoz
nacionalista no Parlamento Carlos Aymerich, ter mantido un
encontro coa equipa de dirección do Colexio de Economistas
de A Coruña, representada polo seu decano, Roberto Pereira;
o vicedecano Venancio Salsinas; e o secretario Augustín
Fernández.
“As causas de que Galiza
diverxese co Estado durante os 16 anos do Goberno Fraga, de que
decrecese a respecto do promedio estatal, hainas que buscar na
incompetencia do PP, mais tamén na insuficiencia do marco
estatutario actual que non facilita as ferramentas suficientes
para garantir o pleno desenvolvimento económico do país”,
afirmou Jorquera, quen asegurou que esta reflexión foi un
dos argumentos que centrou o encontro cos
economistas.
“Precisamos, indicou Jorquera, de máis
competencias para planificar a nosa economía, para apoiar
os sectores produtivos, para procurar a reindustrialización
do país e o investimento en produtos de alto valor
engadido”, acrecentou o coordenador executivo.
O
Novo Estatuto é, portanto, unha “oportunidade
histórica” para que o país se dote de novas
ferramentas que lle fornezan “o progreso material que a nosa
sociedade demanda”. Ferramentas, dixo, como as dunhas caixas
de aforro “que invistan os seus fundos na economía
produtiva e que realmente cumpra a función social para as
que foron criadas”.
Jorquera enfatizou tamén
que o BNG é “a única forza política que
ten apresentado xa unha proposta formal con texto articulado de
Novo Estatuto” e a única que ten aberto unha rolda de
contactos coa sociedade para apresentala e para “recoller
suxestións que eventualmente podamos defender como proprias
no proceso que agora se abre no Parlamento”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|