ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Anxo Quintana propón unha cesta fiscal propia e a blindaxe da inversión estatal para Galiza


Redacción 03 de febreiro 2006 O vicepresidente do goberno galego, Anxo Quitana, incidiu onte na necesidade de que o marco competencial reforzado que traerá o novo Estatuto vaia acompañado dun modelo de financiamento axeitado “para que esas competencias reforzadas non se convertan en problemas reforzados”. Na súa opinión, “non pode haber autonomía política sen autonomía financeira” e neste camiño propuxo coma dous obxectivos a conseguir na negociación unha cesta de tributos propios e a blindaxe do investimento do Estado en Galiza.

Quintana asegurou que o único xeito de conseguir o mellor para o país é “articular unha única voz en Galiza que se faga forte en Madrid, xa que non temos un peso demográfico grande nin unha participación importante no Produto Interior Bruto estatal para impoñernos por esa vía”.

Nese camiño, “o que esperan de nós os cidadáns galegos é que sexamos capaces de chegar a puntos de encontro partindo dende posicións diferentes, como é lóxico nas sociedades plurais coma a galega”. Para isto, Quintana convidou ás forzas políticas galegas a “baixarmos do discurso grandilocuente ás cuestións concretas”. Para o vicepresidente, “hai cuestións que agora temos que decidir, e cada un debe marcar a súa postura”.

Posturas concretas

Entre estes temas, aludiu ao recoñecemento nacional de Galiza: “Eu creo que Galiza é unha nación e creo que chegou o momento de recoñecelo”. Quintana amosouse convencido de que, se neste momento non se procede a este recoñecemento ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña, Galiza vai perder estatus. “Polo tanto, o que non queira facer ese recoñecemento terá que explicarlle aos cidadáns galegos que queren para Galiza un recoñecemento inferior ao que van ter Euskadi e Cataluña”, advertiu.

Quintana dixo que tamén chegou o momento de ir a cuestións concretas no tema do financiamento. Neste campo, a súa proposta pasa por reclamar unha cesta de tributos propios para Galiza: “O que recibiu Cataluña nese sentido non nos vale a nós, temos que fixar a nosa propia”. Falou tamén de definir como vai participar Galiza nos mecanismos de compensación interterritorial, conseguindo que se teñan en conta criterios coma a dispersión da poboación para calcular o custo dos servizos. O terceiro alicerce a defender para Quintana é a blindaxe do investimento do Estado en Galiza: ”Temos que conseguir investimento blindado para que cada ano non esteamos pensando no que se nos vai dar”.

Para o vicepresidente “iso chámase débeda histórica”, unha débeda que cifra en 21.000 millóns de euros a pagar en oito anos a razón de 2.600 millóns de euros por ano. Tras expoñer as súas propostas, Quintana pediu que “os demais xoguen coa mesma claridade, porque se xogan coa mesma claridade seguro que imos chegar a puntos de encontro”.

Relacións bilaterais co Estado

En materia de financiamento, o vicepresidente da Xunta tamén aludiu á necesidade de “deixar a idea que queren vender de Galiza coma un país pobre, sen recursos, que só pode vivir se ten a solidariedade do Estado”. Quintana está convencido de que Galiza ten posibilidades e recursos “e agora hai unha oportunidade para demostralo”. Para iso, “Galiza tense que valer por si mesma”. “Se outros foron capaces de ter unha relación bilateral co Estado, como fixo Cataluña para defender o seu modelo de financiamento, pois nós temos agora que aproveitar a oportunidade e reclamar tamén esa relación bilateral para facer o noso propio modelo de financiamento”, engadiu. Na súa opinión, “o modelo de Euskadi, o de Cataluña ou o calquera outro non nos serve a nós, temos que facer o noso propio modelo e negocialo co Estado, e polo tanto esa relación de bilateralidade é fundamental neste momento”.

Por outra parte, Quintana falou da importancia de que Galiza teña posibilidade de representación propia no ámbito internacional. Cualificou esta cuestión coma “fundamental para o noso futuro”, xa que “Galiza precisa defender os seus intereses alí onde se decide” e considera que “debe formar parte das competencias que se recollan no novo Estatuto”.

En canto ao clima do debate estatutario, amosouse convencido de que “todos temos moito que aportar”. Para el “só hai unha condición, e é que cando definamos os intereses de Galiza o fagamos pensando en Galiza, nos galegos e nas galegas, e non o que se di dende Madrid”. “Se o facemos así, os acordos serán bos para Galiza”, asegurou.



Voltar a novas

Ver anteriores