ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*
A CIG lamenta o incremento da temporalidade nun 14,2%



Redacción, 02 de agosto 2005 Valora positivamente o descenso do desemprego e demanda a creación de emprego de calidade. Malia ter descendido o número de desempregados en 4.841 persoas, a CIG considera especialmente preocupante o elevado incremento da temporalidade. Dos datos do INEM tírase que a contratación indefinida diminuíu nun 14,39% e os contratos temporais medraron un 14,2%.

A CIG considera que segue a ser preocupante o elevado número de desempregados rexistrados nas oficinas do INEM, 157.423. Aínda que o descenso de desempregados é de 4.841 persoas de todos os sectores e grupos de idade, a CIG considera que non se pode esquecer o carácter estacional das contratacións, xa que todos os anos, no mes de xullo, rexístrase un importante descenso do desemprego, se ben nesta ocasión é maior.

O problema máis grave destas contratacións é a temporalidade, que vén agravar a preocupante precariedade laboral que afecta a cada vez máis traballadores e traballadoras galegas. O descenso nun 14,39% dos contratos indefinidos, respecto do mesmo mes do ano pasado, e o incremento nun 14,2% dos contratos temporais demostra que, lonxe de solucionarse, a temporalidade increméntase.

A este respecto, Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG, critica os constantes anuncios de reformas laborais dirixidas a solucionar o problema da temporalidade que se demostran ineficaces xa que “non só non conseguen freala senón que mesmo, no caso de Galiza, se incrementa”.

Ao tempo, o Secretario Xeral da CIG fai un chamamento ao novo goberno da Xunta de Galiza para que “se comprometa a adoptar medidas eficaces dirixidas a reducir os índices de temporalidade e a precariedade en Galiza”.

Para a CIG é imprescindíbel que en diante se mida o emprego xerado “non só en termos de cantidade, senón tamén de calidade”.


Voltar a novas

Ver anteriores