|
Publicidade Contacto Novas Internacional Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana
acusa a PP e a PSOE de protagonizar unha “indecente batalla
por ver quen se fai coa saca de votos dos emigrantes en
Barajas”
Redacción,
2 de xuño
2005. O
candidato do BNG reúnese co presidente uruguaio Tabaré
Vázquez, a quen trasladou as propostas nacionalistas para
mellorar a calidade de vida da colonia galega. A
batalla abochorna a “calquer demócrata minimamente
consciente”, sobre todo despois de que “uns e outros”
rexeitasen modificar a lei eleitoral para garantir que os galegos
na diáspora voten o 19 de Xuño coa mesma
transparencia e garantías democráticas dos
residentes en Galiza”. A actitude de ambos partidos é
para Quintana unha “falla
de respecto cos emigrantes e unha ofensa ao conxunto da cidadanía
galega”.
O
candidato nacionalista fixo estas declaracións nunha rolda
de prensa tras o seu encontro co presidente de Uruguai, Tabaré
Vázquez, a quen expuxo as propostas do BNG en materia de
emigración dada a importancia da colectividade galega neste
País. Nese encontro, Quintana asumiu o compromiso de
defender ante o Goberno do Estado a vixencia do Tratado de Paz e
Amizade de 1870 “porque non podemos permitir un retroceso en
relación ao trato que reciben no estado español os
cidadáns uruguaios, moitos dos cais son galegos”.
Quintana
concluíu a súa viaxe a América cun acto
mitin na intendencia municipal de Montevideo, ao que asistiron
500 persoas, cunha ampla representación
gubernamental do Frente Amplío, encabezada polo senador de
orixe galega Manuel Núñez e polo tamén
senador e líder da forza do Movimento de Participación
Popular-Tupamaros, Eleuteiro Fernández Huidobro.
O
candidato nacionalista explicou as propostas do BNG para sacar
adiante o cambio galego que Galiza precisa e criticou ao líder
do PP por vir a Arxentina e Uruguai a prometer postos de traballo
para os netos dos emigrantes galegos cando en Galiza tiveron que
emigrar 200.000 mozos e mozas durante os 15 anos do goberno de
Fraga na Xunta.
Quintana advogou por desenvolver unha
política económica capaz de xerar emprego “en
lugar de ofrecer caridade por votos”, que pasa
necesariamente por duplicar os investimentos adicados a políticas
activas de emprego, “só así poderemos garantir
a inserción laboral dos descendentes dos emigrantes”,
para os que Quintana defendeu que poidan acadar a nacionalidade
española.
ELEXIR UN PRESIDENTE GALEGO
O
líder do BNG salientou ante os galegos na diáspora
que o próximo 19 de Xuño os galegos, tanto os de
dentro como os de fora, ”teñen que elexir un
presidente para Galiza, non quen vai ser o inquilino da Moncloa”,
e destacou que Galiza precisa un presidente que teña
como único referente os intereses deste País e que
non obedeza a estratexias marcadas dende Madrid “nin polo PP
nin polo PSOE”.
O candidato
nacionalista pechou a súa intensa xornada en Montevideo con
visitas institucionais ao Centro Galego desta cidade, cun encontro
coa directiva do Padroado da
Cultura Galega e cunha visita ás
instalacións do Fogar Español de Ancianos, aos que
expuxo as propostas do BNG para os galegos da diáspora,
incidindo nas medidas para incrementar o benestar social e a
equiparación de dereitos a todos os niveis.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|