ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Arroutada Internacional

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*Quintana afirma en Montevideo que Fraga e Rajoy atacan ao BNG porque son conscientes de que será o nacionalismo quen faga perder a maioría ao PP en Galiza


Redacción, 2 de xuño 2005. Nun mítin no Teatro Bambalinas de Bos Aires, Quintana reivindica para o BNG o legado político do Partido Galeguista: “Castelao sabía que Galiza precisaba de forzas políticas proprias para ter futuro”.
O candidato do BNG á presidencia do Goberno galego, Anxo Quintana, salientou en declaracións aos xornalistas á súa chegada a Montevideo que as críticas de Manuel Fraga e Mariano Rajoy á formación nacionalista obedecen “a que están obsesionados con nós e están obsesionados con nós porque saben que seremos nós, co noso avanzo eleitoral, os que retiremos a Fraga do poder. Nós, co noso avanzo eleitoral, seremos os que faremos perder ao
PP a súa maioría absoluta”.

Quintana considera que Mariano Rajoy pretende “perpetuar un Goberno inútil en Galiza” cun Fraga arrodeado de “catro nenos de Papá” aos que poder dar “ordes desde Madrid”. O candidato nacionalista, que hoxe continuou a súa viaxe en América, en Montevideo, acusou a Fraga de utilizar os emigrantes “como pura mercadoría eleitoral”. “Ve neles só un xacimento de votos, non a un conxunto de cidadáns aos que hai que garantir a súa plenitude de direitos”.

Entre as propostas para a diáspora, Quintana anunciou a súa decisión de pór en marcha o Instituto Castelao “como embaixada de Galiza no mundo”, que estaría deseñada como unha rede de centros estábeis para espallar a cultura galega no mundo, para Galiza ter unha “representación internacional estábel que sirva para atender as colectividades galegas residentes no exterior”.

Mítin en Bos Aires

Antes de se desprazar a Montevideou, Quintana fechou a súa xornada en Bos Aires cun mítin no Teatro Bambalinas ao que asistiron máis de 500 persoas e no que o candidato nacionalista recalcou a débeda histórica que Galiza ten cos seus emigrantes. E que asumiu como compromiso persoal porque, explicou, “eu tamén son neto de emigrantes e o meu pai naceu en Cuba”. O líder do BNG comprometeuse a substituír “a caridade mal entendida que desenvolve a Xunta de Galiza na diáspora por unha asistencia sociosanitaria que equipare os dereitos dos galegos no exterior aos que desfrutan os residentes na Galiza”.

O candidato nacionalista salientou que Galiza precisa un “cambio galego” frónte á fallida teoría dos “Gobernos Amigos”. “Castelao”, explicou, “creou o Partido Galeguista porque quería defender a Galiza e para facelo non ingresou nen no PSOE nen en nengunha das organizacións de dereitas de entón. Castelao sabía que o país necesitaba unha forza política propria para ter futuro. E iso é hoxe o BNG”.

Crecente apoio ao BNG

A perguntas de xornalistas, Quintana declinou facer valoracións sobre a enquisa do CIS, mais salientou que fai e percorre 10.000 quilómetros ao mes por toda Galiza e que isto lle ten servido para constatar “o crecente apoio ao BNG ao longo do último mes”. O líder do BNG ve a unha militancia “tremendamente motivada e ilusionada” e a unha cidadanía con moitas gañas de ter por vez primeira na historia “un presidente nacionalista”. “Sempre estiven convencido do éxito eleitoral do BNG e as miñas sensacións estanse confirmando esta precampaña”, engadiu.


Voltar a novas

Ver anteriores