ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas

Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Carme Adán acusa ao PP de trucar a imaxe de Fraga no cartel eleitoral porque “se avergoñan do rostro real do seu candidato”


Redacción, 2 de maio 2005. “Trucando a súa imaxe voltan a pór na axenda da campaña a cuestión da idade de Fraga”. A número un da candidatura do BNG por Pontevedra, Carme Adán, acusou hoxe ao PP de trucar a imaxe de Fraga no cartel eleitoral feito público porque “se avergoñan do rostro real do seu candidato”.

A xuízo da cabeza de lista por Pontevedra, é o PP “quen volta a colocar na axenda da campaña a cuestión da idade de Fraga e a cuestión do seu estado de forma”.

O PP oscila entre “esconder” o candidato ou “trucar e falsear” a súa imaxe, considera a número un nacionalista por Pontevedra.

“Este tipo de práticas non teñen encaixe nunha democracia minimamente avanzada. Non se pode falsear a realidade porque a realidade é a que é. Se o PP desexa mostrar á cidadanía en que condicións está Fraga, o que debería facer é acceder ao debate que vén propondo o noso candidato a presidente, Anxo Quintana. Cando non o fai así, é porque implicitamente recoñece que Fraga non está en condicións de debater e, portanto, tampouco de gobernar”, conclúe a dirixente nacionalista.

A defensa do direito dos cidadáns a coñecer a verdade é, por contra, un elemento chave na campaña dos nacionalistas galegos. “A rexeneración democrática parte do necesario compromiso de todos e todas de dicerlle sempre a verdade á xente. E unha formación política responsábel non pode comezar unha campaña falseando a realidade através de carteis eleitorais trucados. Non é así como se contribúe á mellora da saúde democrática no noso país”, engade.

Voltar a novas

Ver anteriores