|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana,
no arranque de precampaña do BNG: “o cambio en Galiza
é xa irreversíbel e será un cambio galego
porque a xente quer respecto para o seu país”
Redacción,
2 de abril 2005. “Imaxinai
o gosto que vai dar xubilar democraticamente a Fraga e que o
fagamos nós”. O candidato do BNG á presidencia
da Xunta, Anxo Quintana, afirmou o sábado pola tarde no
mítin de arranque de precampaña que “o cambio
en Galiza é xa irreversíbel e será un cambio
galego porque a xente quer respecto para o seu país”.
Nun
ateigadísimo Salón de Convencións do Hotel
Araguaney, co seu aforo desbordado e xente nos corredores a ollar
o mítin através dunha pantalla de vídeo, o
líder nacionalista manifestou a súa convición
de que “non hai cambio real sen respecto para Galiza e non
haberá respecto para Galiza se non traemos o cambio galego
a este país”.
“Estamos ás portas
dun cambio histórico”, afirmou Quintana, “o
país terá que decidir se quer ser unha rexión
triste e sumisa ou un país forte e respectado no conxunto
do Estado e da Unión Europea. A escolla é clara e
sei que a xente o que quer é o cambio galego. Existe unha
clarísima maioría social que o quer é un
presidente que se faga respectar e un Goberno que poña os
intereses desta nación por enriba de todo”.
Quintana
debullou o que o BNG entende por cambio galego. “Cambio
galego significa renovación e rexeneración
democrática. Todos os que estamos aquí temos a
sensación de que este país leva a ser gobernado
demasiado tempo polos mesmos. Non me refiro aos últimos
quince anos. Refírome aos últimos 70 anos. A imensa
maioría dos galegos e das galegas nunca tivo a oportunidade
de ver no poder algo próximo a eles. O cambio galego
consiste precisamente niso, en que a xente sinta o poder como algo
propio”.
Tamén significa a “redistribución
de oportunidades” a favor dos “que están menos
protexidos na nosa sociedade”. “Eis temos os 200.000
mozos e mozas galegos que tiveron que emigrar durante a era Fraga.
Un Goberno democrático o máis digno que pode facer é
que os direitos fundamentais das persoas se cumpran, e un deles é
o direito a viver e a traballar na propria terra”, afirmou
Quintana.
DICERLLE A VERDADE Á XENTE
O
cambio galego implica tamén “dicerlle a verdade á
xente”. “Dicer que gastaremos menos en cemento, en
estradas e pistas que non levan a ningures, en pavillóns de
deportes feitos onde non habita xente. Imos facer que o centro de
gravidade da acción do Goberno galego pase do cemento á
política social. Non podemos continuar a ser o país
do Estado con menos prazas nos centros xeriátricos
públicos, sen atención domiciliaria, sen ter
cobertura universal para os nenos e nenas de 0 a 3 anos nunha rede
de gardarías”, acrecentou.
E o cambio galego
supón sobre todo garantir que Galiza sexa respectada.
“Necesitamos un presidente que fale de ti a ti ao presidente
do Goberno. Non un presidente que vaia á Moncloa a
cuadrarse como un cabo furriel e a se pór ás ordes
do presidente español. Mais tampouco un presidente que vaia
a Madrid a armar barullo só polo feito de ser dunha cor
política distinta. Necesitamos un presidente que defenda os
intereses do país con firmeza, mais que teña tamén
capacidade de interlocución. E, sobre todo, necesitamos un
presidente que sexa quen de unir e de liderar a nosa sociedade,
non de criar confrontación no seu seo”, proclamou
Quintana.
O líder do BNG criticou con dureza a
Fraga. “É un candidato escondido. Leva 200 horas
escondido. E vou contar as horas en que continúe agachado
detrás do telón. É un candidato que non quer
debater. E Fraga non está en condicións de debater
porque non está en condicións de gobernar”,
dixo antes de agoirar que a próxima ocupación de
Fraga será a de “ser xefe da oposición”.
“Imaxinai o gosto que vai dar xubilar democraticamente a
Fraga e que o fagamos nós”, engadiu.
Na súa
intervención de abertura do mítin, a número
dous do BNG ao Parlamento Galego por A Coruña, Ánxela
Bugallo, detallou a alternativa nacionalista ao PEIT e cifrou en
21.000 millóns de euros os investimentos que precisa o noso
país para a modernización das súas
infraestruturas e para a vertebración do territorio.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|