Publicidade
Contacto
|
*O BNG denuncia o “fracaso” dos Radares Xuvenís, a iniciativa estrela do goberno de Orozco en materia de xuventude
Redacción 01 de decembro de 2006 Foi posta en marcha no mes de marzo polo Concello en seis institutos da cidade e só serviu para facer unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, unha batalla de globos e unha actividade de tiro con arco. Existen informes do profesorado dos centros de ensino cuestionando o rigor desta iniciativa municipal.
O concelleiro do BNG Antonio Somoza denunciou hoxe que a iniciativa Radares Xuvenís, posta en marcha polo Goberno de Orozco no mes de marzo e presentada como “a gran aposta da Concellería de Xuventude para este ano” está a resultar “un auténtico fracaso”. Antonio Somoza explicou que “todo o que se fixo nos nove meses que leva funcionando foi unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, unha batalla de globos en Frigsa e unha actividade de tiro con arco dentro do Elixe a Túa Noite”. Explicou que “non hai nin reunións, nin informes, nin actas, nin conclusións das xuntanzas e propostas dos radares”.
O concelleiro nacionalista afirmou que esta iniciativa “non aporta nada á mocidade” e non serviu en nada para dinamizar a vida e as actividades dos centros de ensino da cidade. O BNG considera que se trata máis ben da intención do Goberno de Orozco de nomear mozos nos colexios e institutos de Lugo como intermediarios entre os estudantes para que actúen de correa de transmisión do Goberno. “Son unha especie de pedáneos de instituto”, comparou Antonio Somoza.
O concelleiro do BNG explicou a elección dos radares xuvenís naceu cunha “eiva democrática evidente” pois non son elixidos polos estudantes, aos que supostamente van a representar, senón directamente polo Goberno. Ata o de agora o Goberno local elixiu 6 mozos en tres institutos da cidade, dos que só un presentou algún tipo de proposta. O BNG xa advertira no momento da posta en marcha desta iniciativa que se trataba dunha medida “errada” e que non ía funcionar.
As críticas do BNG están avaladas pola existencia de informes do profesorado dos centros de ensino implicados nos que se cuestiona o funcionamento desta iniciativa municipal e o xeito de aplicación. Critícase neses escritos a falta de seguimento por parte do Concello e o escaso rendemento e utilidade da medida, segundo revelou hoxe Antonio Somoza.
O Bloque considera que o departamento de Xuventude do Concello actúa “sen norte”, lanzando iniciativas sen sentido e que non teñen utilidade ningunha para a xente nova de Lugo. “A mocidade ten outros problemas, como os de vivenda, os de traballo ou os de sensibilización e educación en asuntos relevantes, pero todas esas necesidades están desatendidas polo Concello, que se centra só nun ocio intranscendente”, afirma Somoza.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|