ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*Dende hoxe día 1 o audiovisual galego concorre aos premios Mestre Mateo 06

Chuza! esta nova!
Redacción 01 de decembro de 2006 Dende hoxe venres día 1 e até o 2 de xaneiro, está aberto o prazo de presentación de candidaturas para optar a calquera das 25 categorías estabelecidas nas Bases dos Premios Mestre Mateo, abríndose así o proceso de votacións que concluirá coa Gala dos Premios que terá lugar na primavera.

A estes premios poden concorrer todos as producións audiovisuais recollidas nas Bases e que cumpran co estabelecido nelas, así como as e os profesionais do sector que do mesmo xeito, cumpran os requerimentos das mesmas. Longametraxes, telefilmes, series de fición, animación ou documentais, programas para televisión, documentais -como xénero propiamente dito-, curtametraxes, producións publicitarias, producións interactivas, así como todas as e os profesionais -sexan ou non galegos pero que estean comprendidos no estipulado nas Bases-, poderán optar a estes Premios en cadansúa das 25 categorías.

Poderán presentar candidaturas, tanto de produtos audiovisuais como de profesionais, as empresas produtoras, canles emisoras, escolas audiovisuais, empresas de produtos interactivos, axencias publicitarias, así como as propias académicas e académicos da A.G.A.

Unha comisión velará polo cumprimento das bases

Nesta edición dos Premios Mestre Mateo, a Xunta Directiva constituíu unha Comisión específica para facer o seguimento das Bases dos Premios, formada por representantes de cada unha das categorías profesionais especificadas nos Estatutos da Academia. Esta Comisión atenderá tamén as posíbeis reclamacións que poidan darse no decurso do proceso. Está composta por Montse Besada en representación da categoría de Produción; Ana Monteagudo por Dirección, X. Henrique Rivadulla Corcón polos Guionistas; Xosé Luís Bernal Farruco representando ao sector de Intérpretes; por Arte, Ignacio Pardo Pedrosa; por Promoción, Ignacio Benedeti; por Fotografía Victorino Lourido; Música, Piti Sanz; polo sector de Son, José Alberto Suárez, e por Posprodución, Carlos López Ríos.

Proceso de votación

Seguindo o calendario estabelecido nas Bases, o 19 de xaneiro serán publicadas as candidaturas aceptadas -que cumpran coas Bases- abríndose o prazo de alegacións de socias e socios, prazo que remata ao cabo dunha semana. Así, o 31 de xaneiro enviaranse as papeletas para a 1ª rolda de votacións, tendo as socias e socios quince días para emitir o seu voto: o 16 de febreiro remata o prazo de recepción de papeletas no Notario. Será o 23 de febreiro cando se publique a listaxe de Nominados, enviándose aos 3 días as papeletas para a 2ª e derradeira rolda de votacións. O 14 de marzo rematará o prazo de recepción destes votos, que serán os que determinen as candidaturas gañadoras, pero que non coñeceremos até a celebración da Gala dos Premios Mestre Mateo 06, entrada xa a primavera.

Voltar a novas

Ver anteriores

Publicidade: