ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*Xosé Anxo Lage: “Orozco está máis interesado en sair na foto que en que se faga o polígono das Gándaras”

Chuza! esta nova!
Redacción 01 de decembro de 2006 O BNG lamenta que Orozco abandonara onte aos empresarios de Lugo na presentación dun proxecto de tanta importancia para a cidade por un afán desmedido de protagonismo e considera que “non estivo á altura” do cargo de alcalde da cidade.

Lage pídelle a Orozco que imite o modelo de transparencia e presentación pública á cidadanía aplicado pola Consellería de Vivenda para o Plan Sectorial das Gándaras e faga o mesmo con outros proxectos importantes para a cidade como o estudo informativo da nova ponte, o proxecto do auditorio, o Plan Xeral ou o Cetal.

O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Lage, lamentou hoxe a actitude do alcalde de Lugo polo seu desplante diante da conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, onte no acto de presentación pública á cidadanía de Lugo do polígono industrial das Gándaras. “É unha magoa que o alcalde abandonase onte a todo o sector económico e social de Lugo e a todos os empresarios da cidade por un afán de protagonismo”, indicou Xosé Anxo Lage.

Lage afirmou que “Orozco parece máis interesado en sair na foto que en que se faga o polígono das Gándaras”. “Necesitamos xente nesta cidade que traballe e non que obstaculice. Lugo merécese un alcalde con sentido da responsabilidade e non un señor emperrenchado permanentemente por afan de protagonismo”, afirmou o voceiro do BNG, que criticou a Orozco por “importarlle máis o protocolo que a creación de riqueza e postos de traballo na nosa cidade”.

O voceiro nacionalista explicou que o alcalde de Lugo tiña reservado un sitio na primeira fila, ao lado da conselleira, como tamén o tiñan os portavoces dos tres grupos municipais e os portavoces na Deputación.

Xosé Anxo Lage puxo ademais como exemplo á Consellería de Vivenda no que respecta á transparencia e información á cidadanía por ter presentado onte abertamente e con todo detalle á sociedade de Lugo o Proxecto Sectorial das Gándaras. Neste sentido, Lage pediu a Orozco “que aprenda o que é dar información aos cidadáns”. Recomendoulle que faga el o mesmo que fixo onte a Conselleira e presente aos veciños de Lugo o estudo informativo da nova ponte, o proxecto do auditorio, o Plan Xeral de Ordenación Municipal ou o Cetal.

Voltar a novas

Ver anteriores

Publicidade: