|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*OQO
Editora presenta na Chocolataria “Cobertor
de Estrelas”, unha historia sobre os meninos da rúa
brasileiros
Redacción
01 de
decembro 2005
Cobertor
de estrelas é
o título da obra que OQO
Editora presentará en Santiago o vindeiro venres
2 de decembro ás 19,00 horas no espazo de Arte A
Chocolataría (Rúa Orfas, 5- Santiago). Esa obra
inaugura a colección FOQO, destinada a lectores de
12 anos en diante.
Esta
obra, escrita polo brasileiro Ricardo Lísias está
belamente ilustrada pola artista galega Itziar Ezquieta, pintora
recentemente galardoada co premio Na Vangarda 2005 e co
1º premio de Pintura Fundación Araguaney 2005
. A obra está traducida polo poeta Antom Fortes.
Na
presentación intervirán Itziar Ezquieta, Antom
Fortes e Eva Mejuto da parte de OQO Editora.
Cobertor
de Estrelas trata de maneira literaria dos problemas
vividos polos nenos abandonadas que viven nas rúas
brasileiras, miúdos que perderon os vínculos
familiares e que pasan a infancia con outros nenos, durmindo na
rúa, brincando e roubando e tentando defenderse de todo
tipo de violencia. É esa a realidade de "Cobertor de
Estrelas", un libro escrito baixo a óptica dun menino
da rúa que quere aprender a escribir; ten a ilusión
de que así pode saír do mundo da pobreza e da
violencia no que se atopa. Esta é unha novela de
aprendizaxe, na que fronte a esta noite adversa, Ricardo
Lísias interpón a solidariedade dalgúns e,
sobre todo, a grande capacidade humana do protagonista para, cos
seus xogos e soños, buscar a forma liberadora da cultura,
do traballo e do amor.
O libro procura
non caer en conceptos preconcibidos e tenta comprender que os
meninos da rúa non son distinto aos resto dos
nenos.
As ilustracións da artista galega Itziar
Ezquieta aportan unha visión persoal, o filtro dunha visión
plástica nada convencional, que busca traducir formal e
cromáticamente, ese vendaval de imaxes crúas,
tinguidas pola inocencia dun protagonista abocado a vivir nunha
desatención que resulta conmovedora.
Cobertor
de estrelas convértese nun libro de lectura
obrigada, tanto pola súa beleza estética e literaria
coma polo seu testemuño social.
Con
este título e a colección FOQO, OQO Editora
finalizará o ano cunha produción de doce títulos,
en galego, castelán e catalán.
OQO aposta
polo álbum ilustrado de produción propia, pola
existencia dun espazo de creación para autores e
ilustradores, buscando novas propostas que recollen diferentes
sensibilidades artísticas.
Como proxecto editorial,
apóstase pola calidade na edición: encadernación
en cartoné e ilustracións a cor, buscando que cada
libro sexa único, diferente.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|