|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*O
BNG logra o acordo do Pleno do Congreso para que o Goberno
rehabilite a figura de Alexandre Bóveda
Redacción
01 de marzo 2006
O Pleno do Congreso
dos Deputados aprobou esta tarde e a iniciativa do BNG, instar ao
Goberno a promover a rehabilitación institucional, moral,
xurídica e persoal de Alexandre Bóveda, fusilado por
defender a legalidade democrática e as aspiracións
de autogoberno de Galiza. Esta proposición recibiu o
respaldo de todos os grupos parlamentares, agás do PP que
optou por absterse na votación.
Ademáis,
o acordo propiciado polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez,
contempla o inicio de actuacións para anular o Consello de
Guerra sumarísimo ao que foi sometido Bóveda e que
conlevou a aplicación da pena de morte o 17 de Agosto de
1936.
Outra das cuestións que se recolle é a
de emprazar ao Executivo a adoptar as medidas necesarias, en
colaboración coa Xunta, para a recuperación da
memoria histórica democrática a fin de proceder á
rehabilitación e recoñecimento das vítimas da
represión polo levantamento militar franquista do ano
36.
O Pleno da Cámara Baixa debatía esta
tarde unha proposición non de lei de Rodríguez sobre
a recuperación da memoria de Alexandre Bóveda, e
daba luz verde a esta iniciativa despois de que o deputado
nacionalista aceitase transaccionar un texto final co grupo
socialista que non modificaba os plantexamentos do BNG.
Bóveda
"un home necesario nese momento histórico"
Francisco
Rodríguez comezou a súa intervención
reseñando a importancia histórica da figura de
Bóveda, "todo un símbolo para os galegos e
galegas. Bóveda, fillo de costureira e de carpinteiro, tiña
33 anos cando foi fusilado na estrada de Campañó o
17 de Agosto do ano 36, acusado de traición polos militares
sublevados".
O deputado do BNG fixo repaso da súa
traxectoria política: era Secretario de Organización
do Partido Galeguista, estudioso da economía fiscal,
redactor do Estatuto de Galiza no ano 1932, defensor do texto
estatutario diante dos concellos galegos, e promotor do Partido
Galeguista. "Un home necesario nese momento histórico,
xoven, sen cargos institucionais, progresista e
nacionalista".
Rodríguez subliñou que
para Alexandre Bóveda a República era sinónimo
de autogoberno e un tempo histórico para Galiza. Lembrou
que foi redactor do Estatuto de Galiza, "moitas veces en
compañía de Raxoi o avó do presidente do PP,
Rajoy". Bóveda logrou que o 80% dos concellos galegos
aprobaran o Estatuto, e logo conseguiu que se pasase a plebiscito
o 28 de Xuño.
O parlamentar nacionalista explicou
que desde o ano 36 e até o ano 42 todos os deputados
socialistas, tanto nacionalistas, como republicanos consideraron a
Alexandre Bóveda representante dos mártires galegos.
Por iso, as Sociedades, entidades e organizacións no exilio
estabeleceron o 17 de Agosto como o Día de Galiza
Mártir.
Desde o ano 1976, afirmou Rodríguez,
sempre se conmemoran todos os 17 de Agosto en memoria desta figura
de tanta relevancia na memoria histórica de Galiza. "Foi
un home exemplar e válido para todos: nacionalistas,
republicanos, comunistas, socialistas, anarquistas. Necesitamos
reconstruír a nosa memoria histórica pola dignidade
do noso país. Bóveda é para todos a expresión
da vontade de país que aspira a ter un lugar na Historia",
aseverou o deputado do BNG, quen recordou que Galiza foi vítima
do alzamento militar, foi anulada, foi represaliada, sofriu
desterros e purgas.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|