|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
Mesa recórdalle a RTVE que “ser servizo público
implica
garantir o plurilingüismo”
Redacción
01 de marzo 2006
O Presidente da
Mesa acusa a
Caffarel de “demagóxica” e pide que “non
nos tome aos galegos por parvos” nin “nos faga pagar
os seus pratos rotos”. A Mesa
culpa directamente ao Goberno do Estado desta “decisión
política” e pídelle ao Goberno galego e ao PP
que “reaccionen”. A Mesa proponlle a PP, PSdG e BNG
que no Estatuto de Autonomía se inclúa un artigo
para que “o galego sexa a lingua preferente dos medios de
comunicación públicos en Galiza”.
Perante
o anuncio realizado onte pola Directora de RTVE e polo presidente
da SEPI, A Mesa pola Normalización Lingüística
recorda que “as emisións nas linguas cooficiais do
Estado, entre elas o galego, son parte fundamental do servizo
público de RNE e TVE” e, polo tanto, non poden ser
eliminadas como algo superfluo ou desnecesario, tal e como se
propón.
Segundo
o Presidente desta organización, Carlos Callón,
“deberían explicar se só se considera servizo
público emitir documentarios sobre animaliños nas
sobremesas de TVE2 ou se se pasarán a adxectivar así
os programas rosas como Corazón de invierno e
Corazón Corazón ou os de sucesos como
Gente”.
Carlos Callón cualifica a
Carmen Caffarel de “demagóxica” por soster que
as desconexións territoriais se deben reducir porque non
fai sentido competir coas televisións autonómicas”.
“Se seguimos o seu disparatado argumento, TVE debería
deixar de emitir en Galiza.” Ademais, o dirixente da Mesa
recorda que “nin en Radio4 en Galiza cando existiu nin agora
en Radio5 se dan os problemas de audiencia que sinalan para
Cataluña e, porén, aquí practícanse os
recortes con maior rapidez”. Tras a “sarta de mentiras
que Caffarel repite ano tras ano sobre as emisións en
lingua galega en RNE e TVE”, o Presidente da Mesa envioulle
unha carta para lle pedir que “deixe de tomar aos galegos
por parvos” e que “non nos faga pagar os pratos rotos
da súa má xestión”.
A Mesa
pídelle tamén ao Goberno galego que “reaccione
perante esta decisión política do Goberno do Estado”
e recórdalle que “a recuperación de Radio 4
está no acordo PSdG-BNG, ademais de no Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega”. Ademais, esta
entidade vaille propor aos partidos políticos con
representación parlamentar que no novo Estatuto de Galiza
se inclúa un artigo que sinale o galego como “lingua
preferente dos medios de comunicación públicos en
Galiza”, implicando tamén a RTVE.
A Mesa pola
Normalización Lingüística continuará coa
súa campaña para reclamar que RTVE deixe de
discriminar o galego, unha acción que ten como eixo
argumental a contradición entre os contratos
multimillionarios de RTVE (sublíñanse os 6 millóns
de euros para o espazo fallido de Pepe Navarro) co “cutrerío”
perante a posibilidade de facer unha televisión e unha
radio de calidade que respecten os pluralismos existentes no
Estado español, como é o lingüístico.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|